O Concello de Ferrol mellora a atención cidadá cun novo sistema informático

martes, 9 de decembro do 2025 S. P.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, anunciou a saída a licitación do contrato da subministración, implantación, posta en funcionamento e mantemento dun sistema integral na nube para a xestión do padrón municipal de habitantes para o Concello. O orzamento de licitación é de 295.179,50 euros (IVE incluído).
O rexedor engadiu que o padrón lévase xestionando desde hai anos a través cunha aplicación propia desenvolvida polo Centro de Recursos Informáticos. “O actual programa de xestión de padrón atópase tecnoloxicamente desfasado, limita a eficiencia do servizo e non permite cumprir con comodidade determinados requirimentos normativos”, indicou o rexedor, engadindo que “esta situación afecta á rapidez dos trámites e á capacidade de resposta do Concello”.
A modernización do padrón supón un claro beneficio para a cidadanía, dixo Rey Varela, apuntando que “o sistema permitirá trámites máis rápidos, reducir erros e mellorar a atención aos cidadáns”. Segundo dixo, “un padrón moderno significa mellor atención e máis garantía no tratamento dos datos de todos os veciños”
O novo sistema permitirá: trámites máis áxiles en altas, baixas e modificación; redución de erros e maior seguridade na información persoal; resolución máis rápida de incidencias enviadas polo INE, así como, unha mellor integración con outros sistemas municipais e autonómicos, facilitando xestións da vida diaria. Tamén facilitará a capacidade de análise demográfica, o que axudará ao Concello a planificar servizos públicos adaptados ás necesidades reais da poboación.
A finalidade deste contrato é, así pois, asegurar o cumprimento normativo e técnico padronal vixente (requirimentos do INE e futuros cambios, incluíndo o intercambio de movementos en tempo real cando resulte esixible) e modernizar e facer máis eficiente a xestión do padrón, reforzando a seguridade, a rastrexabilidade e a calidade do dato, así como facilitar a explotación da información (consultas e informes demográficos e estatísticos) para apoiar a toma de decisións municipais.
O contrato incluirá a migración íntegra e verificada dos datos padronais desde a aplicación municipal actual á nova plataforma; a formación do persoal municipal, así como o mantemento do sistema durante a vixencia do contrato. O prazo de execución do contrato é de 42 meses (seis meses para o subministro, instalación e posta e funcionamento e 36 meses para o mantemento).