O Concello de Narón abre o prazo de inscrición do programa INDI de Informática Divertida

martes, 9 de decembro do 2025 S. P.

O Concello de Narón activa unha nova edición do programa municipal educativo INDI de Informática Divertida, unha proposta pensada para achegar a programación e a robótica ao alumnado máis novo dun xeito práctico e ameno.
As sesións están dirixidas a rapaces empadroados en Narón con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, que se poderán inscribir desde este martes 9 ata o 15 de decembro no Rexistro Xeral do Concello ou na sede electrónica.
Os obradoiros desenvolveranse na Aula CeMIT de Xuvia e tamén en Doso, O Val, Castro, Pedroso, San Mateo, San Xiao e Sedes, permitíndolle ao alumnado participar en diferentes localizacións do municipio.
A inscrición pode tramitarse ata o 15 de decembro no Rexistro Xeral do Concello ou na sede. As prazas —12 por quenda— adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, coa comunicación ás persoas admitidas prevista entre o 16 e o 18 de decembro. O programa desenvolverase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, de luns a venres (agás o 25 de decembro, o 1 e o 6 de xaneiro), cunha edición de mañá (de 10.30 a 13.30 horas) e outra de tarde (de 16.00 a 19.00 horas).
Ao longo das sesións, os participantes aprenderán programación de videoxogos mediante bloques, pensamento computacional offline, mecanografía divertida, creación de personaxes en pixelart, programación con simuladores de robótica e elaboración de cómics dixitais, unha combinación de actividades pensada para estimular a creatividade e o pensamento lóxico. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello a través do 981 337 700 (ext. 1502).