O Concello de Silleda converterá en Centro TIC do rural a antiga escola de Cortegada
mércores, 11 de febreiro do 2026
O Concello de Silleda ten en marcha a licitación das obras de reforma interior da antiga escola de Cortegada para a súa conversión nun Centro TIC do rural, un proxecto co que se busca dotar esta construción histórica dun uso social e formativo, “contribuíndo a reducir a fenda dixital e a ofrecer á veciñanza un espazo para actividades relacionadas coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación”, explicou o Concello.
O orzamento de licitación da actuación ascende a 57.505,55 euros e o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 23 de febreiro, a través da correspondente plataforma de contratación.
O Concello engadiu que “esta intervención permitirá culminar a posta en valor do edificio, despois de que no ano 2023 se executase unha primeira fase de mellora na envolvente exterior, con actuacións na cuberta e nas carpintarías, co obxectivo de garantir a conservación e acondicionamento do inmóbel”.
Segundo recollía o proxecto presentado no seu día, o futuro Centro TIC do rural está concibido como “un espazo para formacións, divulgación e acceso á tecnoloxía, favorecendo que a cidadanía poida dispor tamén nas parroquias de recursos para mellorar competencias dixitais e participar en iniciativas de aprendizaxe e dinamización”.
Entre as actuacións previstas figura a adecuación interior para habilitar salas polivalentes, un aseo accesible e un pequeno espazo de apoio/almacén, ademais dos traballos necesarios en instalacións e acondicionamento para adaptar o edificio ao novo uso.
Dende o Concello sublíñase “a importancia de seguir recuperando inmóbeis do rural para darlles novos usos ao servizo da veciñanza, reforzando a oferta de equipamentos e contribuíndo a mellorar a calidade de vida nas parroquias”.
Esta actuación acometese cunha subvención do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), que se completa con fondos municipais.
