O Concello de Vilagarcía actualizará a xestión do Padrón Municipal
xoves, 27 de novembro do 2025
O Concello de Vilagarcía deu un importante paso para modernizar a xestión do Padrón Municipal, que se vinculará co Censo e o Catastro, o que, segundo o Goberno local, “permitirá cruzar os datos”. O Concello engadiu que esta novidade mellorará a esposta que se dá dende a Administración, que “será máis áxil, e á súa vez tamén permitirá aos usuarios realizar novos trámites telematicamente”.
Isto require da posta en funcionamento dunha nova aplicación informática, cuxa licitación foi publicada esta semana na Plataforma de Contratación do Estado. As empresas interesadas terán ata o 10 de decembro para presentar as súas ofertas. O presuposto supera os 112.000 euros.
O Concello explicou que a actualización do servizo ponse en marcha por dous motivos: o primeiro é a obsolescencia tecnolóxica do sistema actual; e o segundo, dar cumprimento aos novos requisitos esixidos pola lexislación vixente, o Real Decreto 141/2024. Para a administración suporá unha simplificación dos procedementos, ao permitir cruzar os datos entre diferentes departamentos. Tamén se axilizará o traslado de información ao Instituto Nacional de Estatística (INE).
Cada veciño/a pasará a contar cun perfil propio de xestión interna. Nel aparecerán todos os datos relacionados coa súa persoa, como os de catastro, permitindo situar xeograficamente todas as propiedades vinculadas.
Amais, “xeraranse de forma masiva e automática as variacións padronais nos habitantes e domicilios afectados por algunha alteración dos elementos territoriais”, explicou o Concello, engadindo que o padrón pasará a estar conectado coa sede electrónica e que os usuarios poderán realizar máis trámites que nunca, coma conseguir o certificado de empadroamento individual, colectivo ou o certificado histórico de habitante, entre outras.
A nova aplicación permitirá igualmente simplificar as tarefas de organización interna de cara á celebración de procesos electorais. “A nivel usuario, os cidadáns poderán consultar individualmente, e previa identificación, se foron designados para formar parte como titulares, suplentes ou reservas; tamén poderán coñecer o colexio e a mesa onde deben acudir a votar”, sinalou o Executivo local, concluíndo que estamos “ante un investimento necesario para actualizar o funcionamento da Administración Pública, mellorando a atención e o servizo para os veciños e veciñas de Vilagarcía, e simplificando moitos dos trámites recorrentes para os usuarios, axilizando os procesos”.
