O Congreso ParatradIT da UVigo porá o foco na IA e as ferramentas automáticas de tradución

xoves, 4 de decembro do 2025 S. P.

O Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia regresará ao Campus de Vigo en marzo de 2026. Esta segunda edición terá lugar os días 25, 26 e 27 e a Facultade de Filoloxía e Tradución repetirá como sede do que pretende ser o segundo evento científico dunha serie que, ao longo dos anos, estudará as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas vixentes para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla e fóra dela.
Organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo en colaboración coa Universidad de Córdoba e a Universidade de Alacante, celebrarase tanto na modalidade presencial como en liña co español, o galego, o francés, o inglés e o portugués como linguas do congreso.
Na organización están os profesores da Universidade de Vigo Óscar Ferreiro, José Yuste e Ramón Méndez xunto co docente da USC Emmanuel Claude Bourgoin, que explican que “nesta segunda edición queren seguir compilando “resultados de investigación sobre o impacto das intelixencias artificiais tanto na realidade profesional dos procesos de tradución como na aprendizaxe e a docencia das linguas estranxeiras. 
No que se refire aos contidos, o congreso artéllase arredor de tres eixes. Por unha banda, falarase sobre tradución e interpretación na era dixital, analizando como capitalizar de xeito positivo a revolución dixital tanto na docencia universitaria como no exercicio profesional da tradución e a interpretación. Como explica o profesor José Yuste, “ante o uso masivo das intelixencias artificiais e das memorias de traducións, neste eixo convídanse a profesionais a reflexionar sobre que significa traducir na era dixital”.
O segundo eixo arredor do que se artella o congreso é a pedagoxía e a didáctica dixital das linguas. Como detalla o profesor Bourgoin, “buscamos crear un espazo para compartir os resultados das investigacións e compartir experiencias diarias da docencia dixital na aula, tanto dende o punto de vista do docente como do estudante”. 
Finalmente, o terceiro eixo céntrase no uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas. Como detalla o profesor Óscar Ferreiro, “as tecnoloxías da lingua teñen como obxectivo a aplicación dos coñecementos lingüísticos para o desenvolvemento de sistemas informáticos capaces de recoñecer, interpretar e xerar linguaxe humana nas súas diferentes formas, e entre os produtos e servizos informáticos creados pola enxeñaría lingüística, que enriquecen e facilitan o labor das persoas que traducen, destacan aquelas ferramentas para o tratamento automático e semiautomático de linguas que contribúen á investigación científica”.
Neste eixo tamén se van abordar os avances tecnolóxicos da lingüística informática no tratamento automático das linguas, tanto na súa vertente escrita como na oral, así como o diálogo entre a persoa humana e a máquina, sendo unha das ferramentas máis coñecidas a tradución automática. “Agardamos recibir propostas de comunicacións que nos permitan ofrecer un balance actual de todos os sistemas existentes e das perspectivas de futuro”.
Para esta segunda edición agardan acadar “o mesmo éxito” obtido na primeira, á que asistiron 150 persoas procedentes de 26 países e na que 72 relatores e relatoras presentaron traballos en cinco linguas.