O Congreso TADEGa incluirá múltiples obradoiros para reivindicar o espírito maker nas aulas

venres, 1 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

A asociación TADEGa, plataforma galega a prol das novas tecnoloxías diversas e inclusivas, vén de achegar máis datos (programa, obradoiros) sobre a que será unha das grandes xuntanzas tecnolóxicas da tempada: a quinta edición do Congreso TADEGa, a celebrar os días 20 e 21 de outubro baixo o obxectivo de visualizar e defender metodoloxías e recursos para acadarmos un panorama educativo-dixital que non deixe a ninguén fóra. Haberá, entre outros moitos, obradoiros sobre gamificación, sobre creación de contidos coas tabletas ou sobre robótica nas aulas. O nexo común de todas estas actividades será un compromiso conxunto a prol das capacidades de cada quen: diferentes pero complementarias maneiras de reivindicar o espírito do “faino ti mesmo”, ou sexa, o espírito maker.
Como sinalamos recentemente, a nova edición do evento será unha edición especial. De feito, TADEGa celebra este ano 2017 o seu décimo aniversario (foi constituída como tal en 2007, establecéndose xa dende ese intre o seu firme compromiso a prol de non deixar a ninguén fóra da Sociedade do Coñecemento). Para celebralo, os seus integrantes queren rematar o ano convocando unha serie de festexos-actividades, entre as que se inclúe o devandito congreso.
O roteiro de celebracións comezará polo tanto en outubro, entre o 20 e o 21, da man da quinta edición do Congreso TADEGa (décimo aniversario), que se vai celebrar na Facultade de Educación da Universidade da Coruña baixo o lema Destino: inclusión educativa e dixital e desenvolvendo o seu programa a través de múltiples obradoiros, todos eles abrindo novos vieiros para facilitar a chegada e afianzamento de tecnoloxías para todas e todos, dende as escolas até os ámbitos académicos e profesionais.
O Congreso TADEGa comezará o venres 20 ás 16.30 horas, coa recollida de documentación, e proseguirá ao día seguinte durante toda a xornada. Incluiranse os seguintes obradoiros:
· Creación de contidos nas tabletas. Con Avelino Correa de creAPPcuentos.
· Dalle ao Dado. Con Susana Lamela e Ana Mariño.
· #Soy Visual. Con José Manuel Marcos Rodrigo de Arasaac e a Fundación Orange.
· Gamificación e atención á diversidade. Con Aitor Barbosa.
· Impresión 3D e diversidade funcional: Diversidade Impresa. con Paz Freire.
· Monta o teu Robot, escornabot, de Aula. Con Xabier Rosas de Bricolabs.
· Arduino Echidna. Con Xabier Rosas de Bricolabs.
· MyGame, Pictodroid e a linguaxe natural. Co equipo ACCEGAL.
· ABP e robótica nas aulas: Babot. Con María Nimo de DISMEDIA.
· Método CODES: lectoescritura na diversidade motriz. Con Javier Martin Betanzos.
· Robótica Educativa e DIY: Eiro. Con Marcos Alonso de Neukos Robotic.
· Faino ti: BricoPictos e outras adaptacións. Con Cuca da Silva de Por Dereito.
· Xoguetes adaptados de Terapia ocupacional de Coruña.
· Pictoeduca de Pictoaplicaciones.com e a Fundación Barrié.
· Prácticas restaurativas: diversidade e convivencia. Con Rafael Pérez de Lis Nieto e Ana Pérez Figueroa da Asociación Arela.
· Hablar y Signar. Con Manuel Gómez Villa e Fco. Javier Soto Pérez da asociación Divertic.
Máis citas para conmemorar os dez anos de actividade
A segunda parada de TADEGa este ano será a oitava convocatoria co Congreso TecnoNEEt, que se celebra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro, en Murcia, xirando arredor da tecnoloxía accesíbel e inclusiva e facendo fincapé nos logros e nos desafíos que esta loita a prol da accesibilidade implica.
A terceira parada será a segunda edición do II Startup Weekend EDU Galicia, previsto para os días 15, 16 e 17 de decembro, en Santiago, baseándose boa parte do seu programa en mostrar as achegas máis innovadoras das nosas novas empresas en materia de novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito docente.

PUBLICIDADE