O Consello Consultivo de Ineo analiza os retos do sector TIC na Zona Franca de Vigo

xoves, 22 de xaneiro do 2026 S. P.

Baixo a presidencia do delegado do Estado en Zona Franca de Vigo, David Regades, o mércores 21 celebrouse na sede do Consorcio a reunión do Consello Consultivo de Ineo, asociación de empresas TIC de Galicia. Regades subliñou a aposta irrenunciable de Zona Franca polo sector como “guía dos proxectos estratéxicos do Consorcio, co VgoTIC Global Hub como complexo de referencia que albergará a Incubadora de Alta Tecnoloxía StartTIC, e a innovación como bandeira transversal en todas as súas actuacións”.
Pola súa banda, Lourdes Guerra, presidenta da xunta directiva de Ineo, fixo un repaso aos obxectivos e estratexia da asociación no bienio 2025-2027.
Na reunión do Consello Consultivo participaron as entidades integrantes como a propia Zona Franca, representacións das tres universidades galegas (Vigo, A Coruña e Santiago), o Consello Galego de Cámaras de Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), CTAG, Gradiant, Abanca, e Banco Sabadell.
O delegado de Zona Franca Vigo destacou na súa intervención o éxito da fórmula de colaboración público-privada e o papel que están a desempeñar empresas de referencia en Galicia tanto na estratexia do Consorcio como na da asociación Ineo no seu rol de aglutinadora do sector. “Sen dúbida, un dos factores que fai que lográsemos na área de Vigo incrementar a porcentaxe de emprego tecnolóxico ata un 14%, dobrando a media estatal que está nun 6%”, apuntou.
A presidenta de Ineo, Lourdes Guerra, destacou “o papel que desenvolveu a asociación dotando de identidade propia ao sector tecnolóxico en Galicia e apoiando a toma de decisións conxuntas, ofrecendo ferramentas e apoio”.
No seu relatorio sobre o tecido galego das TIC puxo o foco nalgúns retos do sector como a aplicación da IA no mundo empresarial, tema que protagonizou GaliciaTIC 2025, última edición do foro organizado anualmente por Ineo.
Guerra tamén resaltou os que veñen sendo grandes desafíos do sector nos últimos anos: a demanda de emprego cualificado -un dos eixos de acción estratéxico de Ineo é a formación- e a necesidade de atraer máis mulleres ao ámbito tecnolóxico.
Nesa dirección, David Regades insistiu na necesidade de avanzar: “Temos que ser capaces de impulsar a participación das mulleres nas carreiras de ciencia e tecnoloxía, na actualidade con porcentaxes moi baixas en Telecomunicacións ou Matemáticas, e aínda que as solucións non son doadas todo vai depender de que se empece a visibilizar este sector desde as idades máis temperás e tamén de ofrecer á sociedade referentes femininos tecnolóxicos”, insistiu.
Outro dos temas relevantes desta reunión do Consello Consultivo de Ineo virou ao redor da dixitalización das pemes, as máis numerosas no sector, e como optimizar os programas de apoio analizando necesidades e casos concretos. Lembraron, a respecto do devandito, que o programa Acelera Pemes de Ineo ofrece, a través da súa rede de oficinas, asesoramento personalizado e desde a súa posta en marcha organizou máis de cen obradoiros e impactado en preto de un milleiro de empresas.