O Consello da Cultura Galega conmemora o 8M con novos contidos en liña

venres, 6 de marzo do 2026 S. P.

O Consello da Cultura Galega (CCG) anunciou novos contidos en liña e audiovisuais con motivo deste 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Como vén sendo habitual, en colaboración coa Filmoteca de Galicia programou audiovisuais producidos ou dirixidos por mulleres no ciclo Olladas de muller que cumpre 14 edicións e, durante os venres do mes de marzo, o CDIF (Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos) incorporará á web novos fondos documentais e hemerográficos.
Tamén haberá un novo especial feminista do portal Proxector e, ademais, o CCG inaugurará o día 11 de marzo a mostra Emigrantas. Emerxer do silencio que visibiliza a emigración galega desde unha perspectiva de xénero, nunca antes abordada en profundidade.
Na web
A partir deste venres, 6 de marzo e cada venres do mes, o CDIF pon en Rede os primeiros dunha serie de materiais que “consolidan ferramentas para o coñecemento e a investigación dos feminismos en movemento e recoñecen a pluralidade de voces que fixeron posible o seu desenvolvemento en Galicia”, informou o CDIF, que Incorpora dúas novas revistas á hemeroteca feminista A Saia —Donicela. Revista das mulleres de Vigo e Andaina. Derradeira e 3ª época—, publicacións que foron espazos fundamentais de pensamento, debate e articulación do feminismo galego en distintas etapas.
Publicará tamén a biobibliografía da Plataforma Galega para o Dereito ao aborto, un dos suxeitos colectivos clave na loita polos dereitos sexuais e reprodutivos en Galicia.
Da posta en liña dos materiais procedentes do CIDF, o centro destaca a primeira entrega dos fondos Memoria en movemento, engadindo materiais producidos por 11 organizacións feministas.
O proxecto Memoria en movemento iniciado polo CDIF en 2005 recupera, conserva e pon en valor a produción de activistas e activismos feministas e que desde 2019 ocúpase tamén dos activismos LGTBIQ+ con fondo específico. O fondo, que conta na actualidade con materias que atinxen a máis de 200 organizacións, comeza coa visiblización de material dunha ducia de entidades.
Ademais, tamén se visibilizarán as biobibliografías de Concha do Canizo e África Leira, contribuíndo a visibilizar as traxectorias individuais que sostiveron e impulsaron a acción nos eidos da música e no activismo.
Portal Proxector
A entrega de marzo de Proxector, portal de divulgación en lingua galega que elaboran o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), céntrase na Perspectiva de xénero na investigación: cara a unha ciencia de calidade. Ao fi da celebración do Día Internacional da Muller, ofrece “unha escolma de recursos nos que a muller é o centro do estudo e debate, co ánimo de reivindicar unha ciencia de vangarda que corrixa os puntos cegos da investigación tradicional e achegue unha foto completa da realidade”.
Ciclo de cine Olladas de muller
Do 10 ao 14 de marzo, regresa á sala José Sellier da Coruña o ciclo gratuíto Olladas de Muller. Organizado en colaboración coa Filmoteca de Galicia e que nesta 14ª edición ten como novidade, que achega unha sección comisariada por Beli Martínez e Keina Espiñeira na que se proxectan producións audiovisuais que ofrecen outra mirada sobre a emigración galega. Este ciclo é unha das actividades paralelas da exposición Emigrantas. Emerxer do silencio.
Emigrantas
O vindeiro 11 de marzo ábrese ao público no Quiosco Alfonso da Coruña exposición Emigrantas. Emerxer do silencio, comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso e con deseño expositivo de Uqui Permui. Recupera e visibiliza a través de materiais de diferente tipo, as historias da emigración das mulleres galegas que foron silenciadas do relato oficial durante décadas. A mostra percorre arquivos históricos, instalacións artísticas, fotografías, materiais audiovisuais, cartas, obxectos e voces gravadas, para achegarse ás historias de mulleres que nos amosan as múltiples formas de partir, vivir, traballar, resistir e regresar destas mulleres que abriron camiños vitais, culturais e políticos alén das fronteiras.