O Consello da Cultura Galega pon na Rede o Libro das amigas en homenaxe a Begoña Caamaño

venres, 8 de maio do 2026 S. P.

Proseguen as homenaxes das nosas entidades á escritora e xornalista Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago, 2014). Desta volta, o Consello da Cultura Galega anunciou a edición facsimilar de Libro das amigas, que inclúe 24 contribucións de diferente tipo que a contorna máis próxima da autora de Morgana en Esmelle lle dedicou no primeiro cabodano. O libro das amigas tamén se pode descargar en formato dixital dende a web do CCG.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con Amanda Álvarez e Concha de la Fuente en representación do grupo de amigas, mais a irmá de Begoña, Bea Caamaño, presentaron a edición facsimilar no estoxo que conforma a Colección das Letras Galegas desta institución. “Non é a voz de Begoña a que contén o libro pero é Begoña a través do reflexo que nos devolven as amigas” apuntou Rosario Álvarez sobre a publicación, que, como dixemos, tamén ten edición dixital e xa se pode descargar desde a web do CCG.
Cada ano, con motivo do Día das Letras Galegas, a institución rescata unha obra para honrar o legado da figura homenaxeada. Nesta ocasión escolleuse unha obra especial, editada inicialmente en 2015 por un grupo de amigas de Begoña Caamaño no seu primeiro cabodano. No limiar da publicación, a presidenta explica que “optamos por facilitar a achega á personalidade, pensamento e legado de Begoña Caamaño, non a través da súa propia obra, senón do reflexo que nos devolven os textos de dúas ducias de mulleres, da súa ampla contorna intelectual e emocional, que se ispen deixando abrollar sentimentos, lembranzas e emocións, aínda avaladas polo transo do seu pasamento”.
Na presentación, a presidenta Álvarez destacou que a homenaxe dura todo o ano e, “aínda que o esforzo se fai arredor do 17 de maior temos previstas outras actividades”.
En representación das nove amigas que promoveron no seu momento a publicación, Amanda Álvarez explicou que no “libro das amigas hai artigos académicos, hai poemas… pero, sobre todo, hai moita emoción”. Ademais dela, participaron no libro Ana Romaní, Andrea Nunes, Bea Caamaño, Camiño Noia, Carmen Panero, Chus Nogueira, Faia Díaz Novo, Goretti Sanmartín Rei, María del Río, Mª Pilar García Negro, María Reimóndez, María Rúa, María Xosé Porteiro, María Xosé Queizán, Merce Teixeiro, Mercedes Queixas, Paula Carballeira, Pim Patinho, Rosa Martínez, Sesé Canitrot, Uxía, Xulia Alonso e Marica Campo.
Aínda que non participou no libro pero si no acto de homenaxe paralelo, Concha dela Fuente apuntou que “neste libro comunitario que se lle chamou o libro géyser, está un pouco de todas aquelas persoas que rodeamos a Begoña”.
Ademais dos textos, inclúense catro entrevistas: unha ao fío da presentación de Morgana en Esmelle en Vigo; outra do programa de televisión Zigzag Diario; outra entrevista da Galega; mais a entrevista que lle fixo Manuel Vidal Villaverde no desaparecido xornal Galicia Hoxe. E, de peche, a carta que Begoña Caamaño lle escribiu á cantante Uxía Senlle antes de morrer e na que desexa “que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando eu xa teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo”.
Concerto das letras Galegas
Outra das actividades do CCG para conmemorar o Día das Letras Galegas é o concerto institucional que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o 16 de maio (20:30 horas). Poderá seguirse en directo a través da web do CCG e o propio día das letras na segunda canle da Galega. O programa da 16ª edición do Concerto das Letras Galegas inspírase nos textos literarios e no labor xornalístico e radiofónico da autora homenaxeada. Trátase dun concerto composto por 14 pezas que transitan do íntimo ao festivo, no que Uxía Senlle rende homenaxe á memoria dunha das súas grandes amigas. O concerto é de entrada libre e gratuíta.
Begoña Caamaño no Álbum de Galicia
Ademais de todo o devandito, o CCG informou dunha completa entrada sobre a figura de Begoña Caamaño na súa enciclopedia en liña de personalidades galegas. Amanda Álvarez González é a autora da entrada no Álbum de Galicia na que a cualifica como “unha voz imprescindible no feminismo galego”. A entrada do Álbum de Galicia salienta a súa faceta como xornalista e activista sindical e política, e tamén do seu labor en numerosas asociacións feministas e sindicais. Saliéntase por suposto a súa creación literaria: compuxo letras para a cantante Uxía e María Fumaça e publicou dúas novelas: Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Este segundo título recibiu numerosos premios, entre os que salientan o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción da Asociación Galega de Editores. Nos seus derradeiros anos estaba escribindo dúas novas novelas, unha delas coa súa bisavoa como protagonista.