O Foro Tecnolóxico de Emprego marca un novo récord de participación empresarial

martes, 24 de febreiro do 2026 S. P.

Este martes 24 de febreiro inaugurouse na Universidade de Vigo a nova edición (a 26) do Foro Tecnolóxico de Emprego, que, segundo incidiron as e os organizadores (estudantes das enxeñarías de UVigo), marca un novo récord de participación empresarial e consolida o seu liderado nacional. En concreto, acadouse a implicación de 54 empresas participantes e o apoio incondicional de 25 patrocinadores, nove máis ca en 2025.
Así o explicou na apertura desta nova cita o coordinador xeral desta edición, Juan Pontón, unha sesión celebrada no salón de actos da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, e na que estiveron acompañados por numerosas autoridades académicas e políticas que non quixeron perderse o arranque dun encontro que co paso dos anos se converteu “no foro universitario máis relevante da comunidade e un dos máis importantes a nivel nacional”, no que se pon en contacto ás empresas que buscan talento cos estudantes que están a piques de dar o salto ao mercado laboral.
“Nestes últimos meses logramos multiplicar as visitas á nosa web e o impacto en redes sociais, o que, unido a todo o anterior, demostra que este evento non ten teito”, recalcou Pontón, quen se amosou convencido de que unha vez se peche esta edición (a clausura está prevista para mañá mércores ás 18.30 h)serán quen de anunciar un novo récord, “neste caso de persoas asistentes, de currículos entregados, e, o máis importante, de contratos conseguidos”.
No acto de apertura tamén participaron Manuel Reigosa, reitor da UVigo, Elena Alonso, directora da Escola da Enxeñaría de Minas e Enerxía, José Fariña, director da Escola de Enxeñaría Industrial, e Rebeca Díaz, directora da EE de Telecomunicación, Abel Caballero, alcalde de Vigo, Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta de Galicia e Mara Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.
Salientaron que a 26ª edición do Foro mantén a estrutura de éxito de anos anteriores, consolidando actividades como os obradoiros de temática técnica e de orientación laboral; mesas redondas con responsables de recursos humanos de diferentes compañías; actividades de speed recruiting, onde o alumnado pode practicar entrevistas rápidas con múltiples empresas, e obradoiros nos que os estudantes poden gozar de charlas e actividades centradas nas competencias transversais do seu currículo, como oratoria ou comunicación.
En canto aos postos das empresas están despregados nos vestíbulos e corredores das escolas de Enxeñaría Industrial e Minas e Enerxía. No vestíbulo da EEI nomes como Coren, Profand, Norvento Enerxía, Cortizo, Borgwarner, Deloitte… no segundo andar Navantia, Accenture, Ecoforest, Oesía, Dinak… En Enxeñaría de Minas e Enerxía, Indra, Televés, Centum, Balidea, Alén Space, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Optare Solutions… así ata completar a listaxe das 53 firmas participantes desta 26 edición do foro.