O Gaiás pecha 2025 coa obra do Centro de Artes Dixitais lista para iniciar o equipamento tecnolóxico

venres, 19 de decembro do 2025 Redacción

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidiu esta mañá a última reunión do ano do padroado da Fundación Cidade da Cultura, na que subliñou que a Xunta de Galicia pecha 2025 cumprindo o compromiso de deixar rematadas as obras do Centro de Artes Dixitais para iniciar o seu equipamento tecnolóxico e facer posible que estea operativo na segunda metade de 2026.
Á espera de pechar os datos definitivos de decembro, López Campos salientou que o Gaiás finalizará 2025 con preto de 1,4 millóns de visitas, nun exercicio no que se bateron dous récords: foi o ano da última década con máis actividades culturais organizadas (205) e tamén no que participaron máis persoas nelas (262.639). «Estamos diante de números que acreditan a consolidación dunha tendencia expansiva», afirmou.
O titular de Cultura puxo o foco na relevancia das itinerancias expositivas, un programa en marcha desde hai anos pero que en 2025 acadou un protagonismo inédito. «Por vez primeira, preto de 70.000 persoas gozaron de contidos producidos polo Gaiás en centros culturais das súas localidades», explicou López Campos. En total, once mostras da Cidade da Cultura exhibíronse non só en Santiago de Compostela, senón tamén en Madrid, Zamora, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Lugo, así como en vilas como Baiona, Ponteareas ou Ribadavia.
Entre as liñas estratéxicas, o conselleiro destacou os avances nas artes dixitais, citando proxectos como Orixes ou Castelao. Mirar por Galicia, a iniciativa tecnoloxicamente máis avanzada arredor desta icona da cultura galega e proposta estrela da Xunta de Galicia no Ano Castelao.
O responsable de Cultura quixo tamén pór en valor os recoñecementos acadados, como a presenza de Hábitats (unha proposta desenvolvida polo Gaiás) no ránking dos mellores proxectos de arte dixital de España do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, ou a selección de Orixes como finalista nun dos principais galardóns europeos desta tecnoloxía, os XR Awards. Do mesmo xeito, aludiu á relevancia da primeira edición do foro SINTE, que reuniu en Galicia algunhas das figuras máis destacadas da arte e da creación dixital a nivel internacional.

Apoio á creación

Máis alá da exhibición de contidos, López Campos destacou o papel da Cidade da Cultura no apoio á comunidade artística galega, enumerando iniciativas como as Residencias Artísticas, o Encontro de Artistas Novos ou a Residencia Literaria, a través das cales a Xunta canaliza un investimento próximo aos 170.000 euros para impulsar proxectos de artistas maioritariamente galegos.
O balance de 2025 estivo marcado, ademais, por unha liña constante no programa do Gaiás: a posta en valor de figuras clave da cultura galega. Xunto a Castelao. Mirar por Galicia, o Museo Gaiás acolleu unha retrospectiva de Rafael Úbeda, a mostra sobre Francisco Asorey (aínda aberta) e unha exposición fotográfica dedicada ao Premio PHotoEspaña 2024, o ucraíno Boris Savelev, afincado en Vigo.
O ano que remata tamén estivo definido polo compromiso coa cultura inclusiva e coa accesibilidade como eixes do modelo de xestión, unha aposta que se materializou en colaboracións con entidades como a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, o Programa Vagalume (que traballa con mulleres en contexto de explotación sexual), a organización de mostras sobre a historia LGTBI en Galicia ou proxectos artísticos con colectivos de persoas con dano cerebral adquirido.
Nesta mesma liña, o conselleiro salientou o esforzo por incorporar ás actividades culturais recursos como intérpretes de linguas de signos, folletos e textos en lectura fácil para as exposicións ou mochilas vibratorias destinadas a mellorar a experiencia dos concertos das persoas con discapacidade auditiva.

Retos para 2026

Xunto ao equipamento e á posta en marcha do Centro de Artes Dixitais, López Campos trasladou ao padroado que 2026 estará marcado por ambiciosas exposicións internacionais, que se darán a coñecer ao longo de xaneiro e que servirán de antesala ao Xacobeo 2027. Ademais, avanzou a ampliación do auditorio do Edificio Fontán para acoller espectáculos escénicos e as obras para a construción dun centro de apoio loxístico ao Museo e á Biblioteca e Arquivo de Galicia.