O Galiverso de Nadal da Cidade da Cultura permitirá á rapazada visitar a casa do Apalpador

martes, 2 de decembro do 2025 S. P.

A Xunta de Galicia presentou os detalles da programación festiva do Nadal para a Cidade da Cultura: a axenda Nadal no Gaiás, que arrincou este 2 de decembro coa apertura da instalación Soños de Argonautas, unha proposta da arquitecta Nuria Prieto converte o Hall de Tirantes do Museo nunha paisaxe, feita con materiais de reciclaxe, de esferas luminosas e corredores inchables, presidida pola súa xa tradicional árbore de madeira. Ao longo de máis dun mes, o Gaiás acollerá un feixe de actividades que inclúen espectáculos teatrais e musicais, obradoiros familiares, visitas guiadas, realidade virtual (Galiverso de Nadal) ou un escape room.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta tarde a instalación no seu primeiro día de apertura, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a autora da proposta, Nuria Prieto, así como numeroso público asistente. López Campos animou a toda a rapazada a participar nas diversas actividades organizadas pola Cidade da Cultura nestas datas, “que convidan ao goce do tempo compartido en familia con propostas creativas e culturais de primeiro nivel”.
A instalación Soños de Argonautas, proxectada pola arquitecta Nuria Prieto, crea no Hall de Tirantes do Museo unha atmosfera onírica a través de grandes estruturas inchables, que compoñen unha paisaxe branca e dourada, con grandes esferas e corredores translúcidos. A instalación constrúese con membranas de plástico de reciclaxe e iluminación LED, sendo unha parte da mesma transitable no seu interior.
A instalación acollerá diferentes actividades ao longo do mes que inclúen, ademais dos obradoiros de decoración da árbore, sesións de contacontos, visitas guiadas pola autora da instalación ou un obradoiro para público familiar no que nenos e nenas poderán aprender a construír eles mesmos estruturas inchables empregando materiais como bolsas do lixo e cinta adhesiva.
A oferta da Cidade da Cultura para estas datas complétase con dúas funcións teatrais da obra Tripula, de Farrés Brothers i Cia, unha peza cargada de humor que combina teatro, música, sombras e monicreques e que se desenvolve nun lugar tan efémero e pouco habitual como a tea recuperada dun antigo globo aerostático
Xa en xaneiro, a Cidade da Cultura programa un concerto de Fua, cuarteto de corda formado por Daniel Canosa Castro, Pablo Quiroga González, Jorge Galán Adega e Javier Ucha Fariña. O grupo aposta por reinterpretar música moderna desde unha formación clásica, achegando así estes instrumentos a un público máis amplo e diverso.
Por último, tamén volve ao Gaiás a experiencia de realidade virtual do Galiverso de Nadal, da que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, e, un ano máis, o complexo arquitectónico quedará ambientado no seu exterior desde hoxe e ata o 6 de xaneiro cun deseño de luces visible desde diversos puntos da cidade de Santiago.
As entradas para as diferentes actividades estarán dispoñibles a partir de mañá mércores 3 de decembro, a través da web da Cidade da Cultura, onde poden consultarse datas, horarios e dispoñibilidade de prazas.

Galiverso de Nadal

Galiverso é unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de amosar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural, etc.) “dun xeito diferente”.
Nestas festas sinaladas a iniciativa colle novo impulso co Galiverso de Nadal, do que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, entrando virtualmente na casa do Apalpador para comprobar como vive esta figura do Nadal galego.
Esta proposta interactiva en realidade virtual complementará de xeito temporal o Galiverso que acolle habitualmente o Museo Centro Gaiás, ofrecendo entre o 2 de decembro de 2025 e o 6 de xaneiro de 2026 unha experiencia adaptada para nenas e nenos a partir de 6 anos, cunha duración menor (de 5 minutos aproximadamente) atendendo ás recomendacións de uso da realidade virtual a idades temperás. Así, o límite de tempo obedece tanto á intención de evitar a fatiga asociada cun uso máis prolongado dos lentes de realidade virtual como de facilitar que o maior número de persoas poida acceder á instalación. A experiencia do Galiverso de Nadal é gratuíta, pero para participar cómpre reservar praza en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.