O Goberno investiu 24 millóns de euros para levar a banda larga a todos os concellos da Coruña
luns, 2 de outubro do 2023
O faro de Fisterra acolleu o venres pasado a
presentación da infraestrutura de fibra óptica da operadora neutra
Rede Aberta que vai permitir á esta contorna litoral contar con
conexión de 1 Gbps. O acto, do
que informamos polo miúdo en Código Cero, contou coa presenza
da
subdelegada do Goberno en Coruña, María Rivas, que salientou
impulso que o Goberno está a dar á extensión da banda larga, con
máis de 24 millóns de euros investidos nos últimos anos para
levar Internet de alta velocidade a todos os concellos da provincia
da Coruña.
“Hoxe o Goberno está a traer a fibra óptica
ata o fin do mundo”, sinalou a subdelegada, quen cualificou a
extensión da conexión a Internet de alta velocidade ás zonas
rurais como “unha necesidade urxente para evitar a perda de
poboación e lograr novos habitantes”.
Rivas aproveitou o acto para agradecer a Rede
Aberta, empresa adxudicataria da segunda convocatoria do Programa
Único de Banda Larga na provincia, a súa contribución a
despregadura da rede e a aposta pola incorporación de novas
tecnoloxías. Precisamente, a compañía galega anunciou no mesmo o
inicio da instalación da rede de fibra óptica no municipio e tamén
a implantación da tecnoloxía 50G-PON, que permite unha velocidade
de internet de 50 Gbps, pioneira en Europa, nos primeiros meses de
2024. Para esa data, a previsión da compañía é levar
Internet de alta velocidade a 155.000 fogares da provincia que ata
agora non contaban con este servizo, cun investimento de 26,6 millóns
dos que 13,3 millóns corresponden a fondos do Plan de
Recuperación do Goberno.
María Rivas lembrou que “o compromiso do
Goberno é que en 2023 o 95% da poboación galega teña acceso a
Internet de alta velocidade e que en 2025 a cobertura chegue ao 100
por cen do territorio. Para iso, o Programa Único de
universalización de infraestruturas dixitais, promovido polo
Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e
financiado con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, está a
mobilizar un investimento sen precedentes que, no caso dos concellos
rurais como o de Fisterra “contribúe a construír comunidades máis
equitativas e ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento
Sustentábel”.
Nesta mesma liña, a subdelegada incidiu en que
dispor dun servizo de conexión a Internet de altas prestacións e
cun custo competitivo “é un elemento básico para frear o
despoboamento do rural e romper con esa fenda dixital que separa o
mundo rural do urbano. Non pararemos ata conseguilo”, abundou.