O Goberno quere asegurar a presenza das redes de alta capacidade nos novos fogares

xoves, 3 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Goberno quere asegurar que as construcións que se fagan de aquí en adiante veñan máis e mellor adaptadas ás redes de telecomunicacións de gran capacidade. O obxectivo fundamental é evitar que os nosos fogares e as nosas rúas sigan a ser (polo menos neste eido en concreto) o escenario dun dos grandes males do progreso a toda costa: traballar sobre o traballo feito. Así o vén de anunciar nunha nota o Ministerio de Industria, que prepara un plan normativo para fomentar o despregue das redes de acceso ultrarrápido na nova construción.
Entre os regulamentos inclúese un proxecto para favorecer o equipamento de redes de próxima xeración nos fogares por parte dos operadores de telecomunicacións.
Estas redes, que porían en xogo velocidades varias veces superiores ás que coñecemos (de 100 megabits por segundo cara arriba), irían dirixidas a atender a demanda de novas aplicacións e servizos: Televisión de Alta Definición, acceso á Internet ultrarrápido, videochamadas AD, TV3D, etc.
A aposta por este tipo de infraestrutura obrigaría nas redes fixas a substituír os pares de cobre por fibra óptica, mentres que os operadores de cable terían que actualizar os seus equipamentos coaxiais a través de ferramentas que posibiliten as ditas capacidades.
O fomento destas medidas inclúese no Regulamento sobre Infraestruturas Comúns de Telecomunicacións que vén de adiantar o Ministerio de Industria.
Por certo que en España xa se contabilizaron máis de 4,3 millóns de vivendas dispoñendo de equipamentos comúns de telecomunicación (ICT) que fan máis doado que se tire o máximo proveito das redes do coñecemento.

PUBLICIDADE