O IGADI abre 2026 con novos contidos en liña sobre o legado de Castelao

xoves, 8 de xaneiro do 2026 S. P.

Coincidindo co 76 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) achegou novos contidos en liña arredor do ilustre rianxeiro, entre os que figura a publicación extraordinaria 2025, Ano Castelao, Río da Prata quilómetro Cero, que recompila as entrevistas, análises e artigos publicados ao longo dos últimos doce meses polo Observatorio das Diásporas do IGADI. Ademais, este mércores 8 de xaneiro emitiuse un programa especial de peche do Ano Castelao dende a TV en liña do IGADI.
A publicación
O especial, coordinado desde Bos Aires pola xornalista e investigadora asociada do IGADI Paula Sabajanes, dá voz á Galicia exterior na súa conexión coa figura de Castelao, situando o río da Prata como espazo clave da memoria política, cultural e institucional do país.
A publicación recolle testemuñas de representantes dos centros galegos impulsores da iniciativa para recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia, así como achegas de responsables políticos e especialistas como o fundador e presidente de honra do IGADI, Xulio Ríos, a psicóloga social e gaiteira Adela Fernández Cruz, ou o comandante do Terzo de Galegos, historiador e director do Museo da Escola de Náutica da Arxentina, Horacio Vázquez.
Inclúe tamén entrevistas a referentes ineludibles como o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Ángel Seixas Seoane, xunto cunha conversa singular cun persoeiro pouco coñecido: Juan Carlos Gómez, bedel do Centro Galicia de Buenos Aires, nacido no interior da Arxentina e encargado durante décadas de coidar os obxectos legados por Castelao ao Centro Ourensán.
“Trátase dun exercicio de balance e reflexión tras doce meses dedicados a revisar e honrar a figura do rianxeiro, explorando un legado que segue vivo tanto na Galicia territorial como nas latitudes que acolleron a creación do Consello de Galiza hai 80 anos, deron prelo a Sempre en Galiza e acompañaron a Castelao ata o final da súa vida”, explicaron fontes do IGADI, engadindo que estes materiais “permiten descubrir a diversidade de persoas, organizacións e iniciativas que, 76 anos despois do seu pasamento, continúan mantendo viva a memoria e o pensamento de Castelao no mundo”.
A publicación pode descargarse de balde dende a Rede e adquirirse tamén en formato físico a través da conta de correo info@igadi.gal.
Programa especial na IGADI TV
Este mércores 7 de xaneiro emitiuse un programa especial de peche do Ano Castelao, conducido polo director do IGADI, Daniel González Palau, xunto coas investigadoras asociadas Paula Sabajanes, Facundo Reyna Muniaín e Roi Pérez Vila.
No programa participaron, entre outras persoas, o catedrático emérito Ramón Villares, a eurodeputada Ana Miranda, a exdelegada da Xunta de Galicia María Xosé Porteiro, a directora do Museo de Pontevedra Ángeles Tilve, a xornalista Montse Fajardo, así como representantes de entidades galegas no exterior da Arxentina e de Galicia.
A emisión realizouse en directo a través da canle de IGADI TV en Youtube, onde ficou pendurada para a súa posterior visualización.