O ITG enche o mes de novembro con tres cursos sobre novas tecnoloxías para as empresas

mércores, 8 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) segue adiante con actividades de formación relacionadas coas vantaxes (moitas) da Sociedade do Coñecemento nas empresas: meirande competitividade, meirande promoción, máis rapidez e eficacia na xestión. É aí onde se insiren os tres cursos sobre novas tecnoloxías da información preparados por ITG para este mes de novembro. Trátase de tres actividades dirixidas a profesionais, empresarios e titulados universitarios que queiran ampliar a súa formación e capacidades ou encaixar estas na xestión de pequenas e medianas empresas a través do uso efectivo das novas ferramentas.
O primeiro deles celébrase a partir do 13 de novembro e chámase Uso eficiente das TIC na xestión de pemes. Consta de catro obradoiros: o primeiro é As TIC e a xestión de Pemes (día 13); o segundo é o 17 de novembro e xirará arredor dos Usos das TIC na xestión de Pemes; o terceiro é O Comercio Electrónico na pequena e mediana empresa (20 de novembro) e o cuarto A Sinatura Dixital Electrónica e a Protección de Datos de carácter persoal (o 24 de novembro). Cada actividade terá unha duración de 10 horas presenciais e o lugar de desenvolvemento será o Hotel Barceló Premium da Coruña, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 20.30 horas.
Polo que respecta ó segundo dos cursos, que inclúe 50 horas presenciais, xirará arredor da Implantación dun Sistema de Xestión da Seguridade da Información, e vaise celebrar os días 14, 15, 16, 21, 22, 23, 27, 28 e 29 de novembro na aula de ITG. A terceira actividade chámase Marketing Relacional, Interactivo, Internet e Comercio Electrónico, e desenvolverase o 17 de novembro no Hotel Barceló Premium da Coruña. As persoas interesadas en acudir a estas actividades deberán poñerse en contacto cos organizadores a través do teléfono 981 173 206 ou ben vía o enderezo electrónico mgonzalez@itg.es.

PUBLICIDADE