O Museo das Ciencias de Londres acollerá ata finais de febreiro unha mostra de videoxogos dende as súas orixes

luns, 23 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía de hoxe, ata a que nos parece máis avanzada de moderna, será pasto de mostras nostálxicas do mañá, ou incluso material para rescatar dos armarios pola época do Antroido. O paso do tempo pasa factura, e coa tecnoloxía é especialmente duro, acurtándose cada vez máis o prazo de vida dos diferentes aparellos: móbiles, computadores, cámaras, videoxogos, etc. É destes últimos do que trata precisamente a exposición (Game on) que se pode ver estes días no Museo das Ciencias de Londres, mais non dunha serie de videoxogos calquera, senón dos que se comercializaban cando para moitos dos internautas de hoxe o máis semellante a xogar en liña era xogar ás bolas no patio do colexio.
Trátase dunha escolma de 120 consolas abertas ó público ata o 25 de febreiro e distribuídas en 13 salas onde se fai un percorrido polo mundo dos videoxogos dende as súas orixes (segundo a organización da mostra, o comezo de todo está en Space war! desenvolvido en 1962 por Steve Russell) ata os avances de hoxe en día (a consola Wii da casa Nintendo, que vai ser presentada estes días), pasando polos primeiros Arcade creados a principios da década dos setenta.
A exposición tamén achega ós visitantes ó xa mítico Pong, desenvolvido en 1972 como unha recreación rudimentaria (semi-virtual) do xogo real de ping pong e que moitos afeccionados sitúan como o primeiro videoxogo. Por suposto, tamén hai sitio para outras lendas como Space Invaders, Mario Bros ou Donkey Kong.