O comercio electrónico supera os 110.000 millóns de euros
mércores, 26 de novembro do 2025
Mercar en liña é unha actividade que está en auxe, dende o Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) da entidade Red.es (adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial) veñen de presentar unha nova edición do estudo Compras online en España. Edición 2025, que amosa a evolución dos principais indicadores do comercio electrónico e os hábitos de consumo.
Os datos extraéronse dunha enquisa en liña a nivel nacional entre a poboación de 16 a 47 anos cunha mostra de 3.000 persoas e profunda en aspectos clave como perfís, hábitos e expectativas. Coa novidade da análise de persoas expertas sobre tendencias actuais.
Indo ao estudo, este sinala que cun volume de negocio Business to Consumer (B2C) que acada os 110.683 millóns de euros, o comercio electrónico en España vive un incremento do 11,5% respecto aos 99.257 millóns rexistrados en 2023. O gasto medio anual por persoa compradora en liña sitúase en 3.762 euros, un 13,8% máis que o ano anterior (3.307 euros), que se traduce nunha maior intensidade nas compras dixitais. En total, 29,4 millóns de persoas realizan compras por Internet en España en 2024.
En canto ao perfil e aos hábitos de consumo, a análise sociodemográfica conclúe que o gasto medio máis elevado concéntrase nas persoas máis novas, de 16 a 24 anos (5.416 euros) e no segmento de 25 a 34 anos (5.312 euros). Por nivel de ingresos, quen percibe entre 2.500 e 3.000 euros mensuais destinan de media 4.763 euros ao ano, fronte aos 2.699 euros de quen ten ingresos inferiores a 900 euros. En canto ao xénero, os homes gastan máis que as mulleres (4.035 euros fronte a 3.493 euros), cifras que reverten a tendencia de anos anteriores. Entre os produtos e servizos máis adquiridos, salientan os artigos de vestimenta (roupa, calzado e accesorios de vestir), adquiridos polo 76% de quen compra en liña. Séguenlle as entregas de comida a domicilio (60,2%) e os servizos de aloxamento xestionados por empresas (57,5%).
Á hora de mercar en liña, a tarxeta de crédito ou débito segue sendo o método de pago máis empregado. O 55,6% das compras en liña efectúanse mediante este medio. Ademais, o 5,4 % das transaccións en liña realizáronse mediante transferencias inmediatas, o que representa un incremento fronte ao 3,5 % rexistrado o ano anterior.
Os factores que impulsan as compras online son a comodidade, a competitividade nos prezos e a rapidez no proceso. O smartphone mantense un ano máis como o dispositivo máis usado á hora de mercar en liña, tanto para a procura de información (75%) como para a compra (83,6%).
De falarmos de Intelixencia Artificial (IA) e ciberseguridade, o 51% das persoas que compran en liña utilizan a Intelixencia artificial (IA) e un 25,6% comprou ou subscribiuse a servizos ou produtos relacionados coa IA.
Case tres de cada catro persoas (74,8%) que usan os buscadores para informarse optan por guiarse polas respostas breves xeradas por IA que se amosan automaticamente ao facer unha procura.
Ademais, un 93,5% das persoas compradoras en liña considera seguras as compras en liña.
Asemade, o informe recolle o resultado de entrevistas con persoas expertas e un grupo de discusión con especialistas en ecommerce. As súas achegas afirman que o comercio electrónico en España consolidouse como un hábito na poboación, impulsado pola dixitalización, a adopción masiva de smartphones e o efecto catalizador da pandemia. A estes factores súmanse a mellora na loxística, a seguridade nos pagos e o papel protagonista que adquiriu a IA.
Por outra banda, integrar todos os puntos de contacto para ofrecer experiencias coherentes e mellorar a rendibilidade converteuse nunha estratexia empresarial. Así, os marketplaces pasaron a ser os grandes protagonistas do comercio electrónico. Moitos pequenos comercios optan por integrarse nestas canles para gañar visibilidade e acceder a unha loxística eficiente, aínda que sacrifican marxes e datos.
A IA perfílase como o motor máis transformador do presente e do futuro do ecommerce. O seu impacto abrangue desde a personalización e a automatización de procesos ata a optimización loxística, a detección da fraude e a evolución do márketing cara a modelos baseados en xeración de contidos.
Pemes e autónomos atoparon nas plataformas dixitais e en programas de axudas económicas do Goberno de España e Red.es unha vía para incorporarse ao negocio online. En concreto, comercio electrónico e marketplace forman parte das solucións dixitais incluídas en Kit Dixital. Kit Consulting, pola súa banda, inclúe un servizo de Asesoramento en Vendas Dixitais no seu catálogo.
Outras iniciativas como Acelera peme, tamén traballa para ofrecer materiais que abranguen o proceso completo da venda dixital, desde a creación e xestión do ecommerce, o posicionamento SEO/SEM e o uso de marketplaces, ata a mellora da experiencia de compra.
Engadir que desde o programa Xeración D e a iniciativa Competencias Dixitais Básicas ofrécense cursos de mellora das xestións na vida cotiá co uso da tecnoloxía, como compras online.
