O Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información inclúe cen iniciativas e un investimento de máis de 800 millóns de euros
mércores, 15 de novembro do 2006
A Consellería de Innovación presentou este mércores 15 o primeiro Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI), que vai encamiñado a poñer en marcha iniciativas técnicas e culturais para situar a Galicia entre os países máis desenvolvidos no emprego a tódolos niveis das novas tecnoloxías (ademais de darlle un novo pulo a algunha das xa existentes).
Este Plano Estratéxico Galego 2007-2010, que contará cun investimento público superior ós 800 millóns de euros (do que a Xunta se compromete a asumir máis de 600 millóns), abrangue e inclúe ata 100 iniciativas de dinamización dixital en tódolos eidos de actuación.
Máis polo miúdo e segundo explicou o conselleiro Fernando Blanco, “o Plano asume a responsabilidade de actuar pola vía da implicación xeral das novas tecnoloxías nos ámbitos produtivos, sociais e dos servizos públicos para contribuír ao desenvolvemento sustentable do país, compatibilizando o crecemento económico coa creación de emprego de calidade, xerando un maior benestar, igualdade e cohesión social do territorio e da cidadanía”.
A idea é, polo tanto, poñerlle fin dunha vez por todas á actual situación de clara desvantaxe de Galicia co resto da Unión Europea en materia de uso das novas canles da información.
O PEGSI inclúe oito estratexias operativas: infraestruturas para a Sociedade da Información, interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto, contidos e servizos, desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información, aplicación das TIC polo tecido empresarial, servizos públicos de calidade, inclusión e sostibilidade e xestión das políticas públicas da Sociedade da Información.
Un dos puntos máis salientables do Plano é sen dúbidas o apartado dedicado ó desenvolvemento de contidos propios, situando a Galicia non xa como “meramente consumidora”, senón tamén como “produtora”. Con esta vontade de favorecer contidos tecnolóxicos e dixitais “autóctonos” quérese (segundo apunta a Consellería) promover a consolidar a industria galega das TIC e, ademais, fortalecer os elementos identitarios da nosa cultura.
Cómpre sinalar que ó longo dos vindeiros días a Consellería vai presentar o Plano na Comisión Interdepartamental da Sociedade da Información co fin de sometelo a unha xornada de validación en tres mesas de traballo integradas por case 70 profesionais, sendo o obxectivo que a tramitación do PEGSI no Consello do Goberno Galego comece en decembro.
Por certo que Innovación tamén fixo públicas algunhas das conclusións do estudo que serve de base ó devandito Plano Estratéxico e que configura tamén o punto de partida do futuro Observatorio Galego da Sociedade da Información. Podémolo ver na web http://www.sociedadedainformacion.eu/.
En liñas xerais, a diagnose conclúe que:
· A fenda dixital galega está fortemente condicionada pola taxa de envellecemento da poboación. Este feito acentúase ao considerar que o diferencial de Galicia con respecto ao Estado na franxa superior aos 45 anos é dun 7%, xa que este é o grupo poboacional que amosa un menor grao de uso de internet.
· A taxa de ingresos ou o lugar de residencia inflúen negativamente nos índices de uso do PC ou da Rede, dada a menor taxa de ingresos familiares ou a maior dispersión poboacional en relación aos datos estatais.
· As causas que dificultan o uso de Internet na poboación non son as ligadas ás infraestruturas ou ó custo do equipamento, que se sitúan non 7% e no 11% respectivamente. Segundo apunta a Consellería é máis ben o contrario: a principal barreira en Galicia para o acceso a Internet é -no 56% dos casos- a falta de interese que ofrece nos contidos, seguido pola falta de formación e información, cun 28%.
