O Portal da Lingua achega novos contidos en galego para celebrar este 21 de febreiro
martes, 21 de febreiro do 2023
A
Escola Infantil de Vite (Santiago) acolleu este martes unha das
actividades organizadas pola Xunta para conmemorar o Día
Internacional da Lingua Materna, que se celebra, precisamente, este
21 de febreiro. A cita en Compostela consistiu nun concerto no que o
alumnado puido gozar da música de Magín Blanco e María Faltri.
Ademais, co gallo desta efeméride, a Secretaría Xeral de Política
Lingüística puxo a disposición da sociedade novos recursos
dixitais elaborados para dinamizar o uso do galego. Así o deu a
coñecer o secretario xeral Valentín García, que participou na
celebración da Escola de Vite.
García
fixo fincapé na importancia deste tipo de iniciativas “para que a
cativada se relacione coa súa contorna e no seu día a día usando a
lingua galega”. E engadiu: “O obxectivo é fomentar o uso do
galego tanto nos máis pequenos como na sociedade en xeral para que a
nosa lingua estea presente en todos os ámbitos”.
Segundo
explicou, ademais da actividade musical celebrada en Santiago,
Política Lingüística novos recursos dixitais elaborados no marco
da convocatoria TeCeRedes. Así, no Portal da Lingua están xa
dispoñibles o xogo interactivo Ti
es a chave da primavera, de Ronsel de Ideas, e os
audiovisuais Ñam,
Criando
lingua e Calcetís
e paxarín. Neste mesmo espazo tamén pode verse o vídeo
elaborado con motivo desta efeméride pola Rede para Promover a
Diversidade Lingüística, da que forma parte a Xunta de Galicia
xunto a outros gobernos, entidades e universidades europeas.
A
efeméride
O
Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia
Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o
21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de “promover o plurilingüismo
e a diversidade cultural”. Nesta edición o tema arredor do que
xira a conmemoración é Educación Multilingüe, a necesidade para
transformar a educación.
