O Premio Turing recoñece o traballo dos pioneiros da criptografía cuántica

mércores, 18 de marzo do 2026 Redacción

A Association for Computing Machinery (ACM) anunciou que Charles H. Bennett e Gilles Brassard son os gañadores do Premio A.M. Turing 2025, o recoñecemento máis prestixioso do ámbito da informática. O galardón distingue o papel decisivo de ambos investigadores na creación das bases da ciencia da información cuántica, unha disciplina que transformou profundamente os paradigmas da comunicación segura e da informática.
O premio, dotado con 1 millón de dólares e financiado por Google, leva o nome de Alan M. Turing, pioneiro da informática moderna. Considerado habitualmente o Nobel da informática, recoñece contribucións de impacto duradeiro no desenvolvemento das tecnoloxías dixitais.
Bennett e Brassard son amplamente considerados fundadores dun campo que conecta a física cuántica coa ciencia da computación. A súa achega máis coñecida remóntase a 1984, cando publicaron o artigo Quantum Cryptography: Public Key Distribution and Coin Tossing, no que describiron o protocolo BB84, o primeiro sistema práctico de criptografía cuántica. Este método permite a dous interlocutores establecer unha clave secreta cun nivel de seguridade garantido polas leis da física, incluso fronte a adversarios con capacidade computacional ilimitada. O traballo demostraba que, ao empregar sistemas cuánticos elementais como fotóns polarizados, é posible detectar calquera intento de interceptación, xa que a propia medición altera o estado da información transmitida.
A relevancia deste avance enténdese mellor no contexto da criptografía clásica. En 1949, Claude Shannon demostrara que a seguridade perfecta require compartir previamente unha clave secreta tan longa como a mensaxe. Posteriormente, os sistemas de clave pública ofreceron unha alternativa baseada en problemas matemáticos difíciles de resolver. Porén, a chegada da computación cuántica, anticipada nos anos noventa, ameaza con facer vulnerables estes sistemas. O protocolo BB84 evita esa dependencia, ao basearse nun principio fundamental: a información cuántica non pode copiarse nin medirse sen alterala, polo que calquera intento de espionaxe deixa rastros detectables.
Ademais da criptografía, os dous investigadores abriron novas vías no estudo da informática. En 1993, xunto con outros colaboradores, introduciron o concepto de teletransporte cuántico, que permite transferir o estado cuántico dun sistema a outro a distancia mediante entrelazamento e comunicación clásica. Este achado contribuíu a converter o entrelazamento, antes visto como unha curiosidade teórica, nun recurso práctico. Posteriormente, en 1996, desenvolveron técnicas de destilación de entrelazamento, fundamentais para mellorar a calidade das conexións cuánticas e avanzar cara a redes de comunicación máis robustas.
As súas investigacións sentaron as bases do que hoxe se considera unha das frontes tecnolóxicas máis prometedoras, con aplicacións que abranguen desde redes cuánticas ata a futuro Internet cuántica. De feito, variantes do protocolo BB84 xa se empregan en redes experimentais e operativas en diferentes partes do mundo, tanto a través de fibra óptica como mediante comunicación por satélite.
Durante máis de catro décadas, a colaboración entre Bennett e Brassard contribuíu a integrar disciplinas tradicionalmente separadas, como a física e a informática. O seu traballo influíu en ámbitos como a criptografía, a teoría da complexidade, o deseño de algoritmos ou a física matemática, impulsando unha nova xeración de investigación interdisciplinar.
O recoñecemento chega nun momento de crecente interese global pola tecnoloxía cuántica, reforzado pola declaración de 2025 como Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica por parte das Nacións Unidas. Neste escenario, as achegas de Bennett e Brassard continúan a ser unha referencia clave para o desenvolvemento de sistemas máis seguros e potentes.