O Primeiro de Abril inspira divertidos trebellos tecnolóxicos
venres, 1 de abril do 2016
No Primeiro de Abril, entres as moitas bromas destacan os
imaxinativos trebellos tecnolóxicos que se propoñen a xeito de broma, dos que
non é a primeira vez que algún chega a ver a luz simplemente por considerarse
divertido, e unha das tecnoloxías con aparencia de broma que pode ser máis real
do que parece sería un novo produto presentado por Samsung que entraría na liña
da Internet das Cousas, pero que sería a
Internet dos Pantalóns, que de feito sería unha tecnoloxía aínda máis wearable que os smartwatches.
Samsung estaría a traballar nuns pantalóns conectados, que combinarían moda coa
última tecnoloxía, para o que integrarían módulos de ARTIK que comunicarían cunha
aplicación móbil que permitiría funcións como a de alerta se levas a petrina
aberta, dispararía un impulso eléctrico nos petos traseiros do pantalón se
levamos moito tempo sentados (para promover unha maior actividade física) e
incluso permitiría a comunicación co frigorífico, de xeito que se detecta unha
tensión excesiva no contorno abdominal, bloquearía o pecho da neveira para que
só puidésemos abrir a porta coa autorización dunha persoa designada, para
evitar así a tentación de sobrealimentarnos.
Pero, por que dicimos que esta tecnoloxía estaría máis preto da realidade do
que podemos pensar, pois porque na pasada edición do CES en Las Vegas a propia
Samsung amosou tecnoloxías que están a desenvolver dende o seu laboratorio
creativo, entre as que destacaba
o WELT, un cinto conectado que monitoriza a nosa saúde, o que vai moi na
liña dos pantalóns conectados.
Sony axudará na caza de pantasmas
Máis fantástico foi o invento que Sony anunciou no Primeiro de Abril, que sería o Proton Pack, ou mochila de protóns, que vería a luz nos EE.UU. o 15 de xullo, que é precisamente a data na que se estrea o novo filme dos Cazapantasmas, que é o que inspirou a este novo trebello que sería “o primeiro dispositivo atrapa-pantasmas do mundo” e integraría tecnoloxías de Sony como as baterías STAMINA dos móbiles, un proxector de tiro curto para poder ver a materia capturada en tempo real e incluso NFC para poder emparellar a mochila con smartphones e televisores BRAVIA. Mentres os smartphones de Sony destacan pola resistencia a auga, neste caso a mochila sería resistente aos mocos que caracterizan ás pantasmas cinematográficas.
ThinkGeek volve destacar
Pero a compañía que posiblemente fixo máis e mellores achegas a esta xornada foi unha vez máis ThinkGeek, tenda en liña que sempre presenta produtos moi orixinais e divertidos, dos que este ano podemos destacar dous moi tecnolóxicos, como a Star Trek White Noise Sleep Machine (unha máquina que emite sons propios dos dispositivos electrónicos da serie televisiva Star Trek para facilitar que os seareiros da mesma poidan conciliar o sono e que tamén inclúe un proxector para amosar no teito do dormitorio un ceo repleto de estrelas) e o VR Sensory Immersion Generator (un complemento para os actuais sistemas de lentes de realidade virtual que dispararía líquidos e cheiros para facer máis realista a experiencia virtual). E para que non lles pareza o suficientemente divertido este tipo de trebellos tecnolóxicos, tamén poñen á venda na súa tenda o Useless Light Switch, produto que non sorprendería moito que no futuro chegasen a vender, e que consiste nun interruptor para a parede que conta cun mecanismo que o reverte á súa posición orixinal, facéndoo completamente inútil.
Os trekkies podería descansar mellor polas noites se este invento de ThinkGeek fose real
ThinkGeek propón un xeito moi ridículo de facer máis inmersiva a realidade virtual