O Primeiro de Abril saldouse con multitude de bromas na web

venres, 1 de abril do 2011 Marcus Fernández

O 1 de abril é unha data moi especial en moitos países por empregarse para realizar distintas bromas no que se coñece como April Fools e que en Brasil, Portugal e algunhas partes de Galicia definen como Primeiro de Abril, o que ten un claro reflexo na Rede, onde é xa tradición aproveitar para publicar novas falsas e produtos realmente ridículos e absurdos, entre os que resultou especialmente destacable a tenda en liña ThinkGeek, por colocar no seu catálogo unha tenda de Apple de Playmobil, que permitiría introducir aos cativos na maxia de Apple, incluiría máis de 60 accesorios e tería unha área para presentacións nas que de pantalla poderiamos colocar o noso propio iPhone 4, para que un click coa aparencia de Steve Jobs poda dar a coñecer os novos produtos da súa compañía. Como curiosidade, a tenda tamén podería completarse cun paquete de personaxes para facer cola na súa porta ante o lanzamento dun produto. Para facer esta broma aínda máis completa, publicaron un vídeo promocional:


Google tamén fixo das súas anunciando Gmail Motion, unha tecnoloxía que permitiría controlar o seu servizo de correo electrónico vía web a través dos nosos xestos rexistrados a través dunha webcam, e prometendo que tal funcionalidade chegaría en breve tamén a Google Docs.


Dende a división móbil da compañía preferiron anunciar unha nova funcionalidade para o seu servizo de mapas para iOS e Android, que permitiría agora localizar aos gatos que estivesen ao noso redor.
Tamén resultou bastante orixinal o concepto de The Typescreen, unha máquina de escribir de Spinning Hat que en vez de plasmar letras en papel pulsaría sobre o teclado virtual dun iPad, para facilitar a escritura no trebello de Appe.
Monotype Imaging tamén lanzaría unha nova tipografía, a Comic Sans Pro, destinada a mellorar a versatilidade dun tipo de letra tan empregado como odiado; Atlassian aproveitaría o éxito do xogo Angry Birds para mudar os paxaros por programadores e os porcos verdes por fallos de programación dando lugar a un simpático Angry Nerds; e dentro do mundo dos videoxogos, unha suposta división galega de Nintendo España estaría a preparar un novo título para o verán baixo o nome provisorio de LNB Live, que finalmente podería comercializarse como Wii-llarda, trasladando a experiencia de xogo da billarda á popular consola doméstica de Nintendo.
Algunhas páxinas web como TechCrunch (ou Engadget) publicaron escolmas de bromas tecnolóxicas que puidemos ver durante este 1 de abril.

PUBLICIDADE