UARX Space, galardoada nos Premios Emprende XXI

xoves, 9 de maio do 2024 S. P.

A nova firma innovadora UARX Space, con sede en Nigrán e centrada en sistemas para o transporte de satélites (loxística aeroespacial), foi galardoada nos Premios XXI como “a empresa emerxente con maior potencial de Galicia”. Estas distincións, que chegan este ano á súa 17 edición, veñen da man do Ministerio de Industria e Turismo (ENISA) e CaixaBank, a través da súa entidade centrada en empresas de alicerce tecnolóxico: DayOne. A entrega dos Premios Emprende XXI en Galicia, celebrada este mércores 8 de maio, contou co apoio da Xunta de Galicia, a través do IGAPE.
O xurado salientou as capacidades de UARX Space para facer avanzar a industria aeroespacial, contribuíndo ao seu rápido desenvolvemento. Tamén destacou a súa participación no despegue do foguete Ariane 6, da Axencia Espacial Europea, programado para este ano. A persoa encargada de recoller o galardón foi a directora xeral de UARX Space, Yanina Hallak. A startup foi elixida entre case medio cento de candidaturas galegas.
No acto participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, onde recoñeceu e felicitou a todas as empresas finalistas, así como á gañadora, que, tal e como subliñou, “son exemplos do nivel excepcional de innovación e dedicación presentes no tecido empresarial galego”.
Na súa intervención, lembrou que está aberta ata o 30 de setembro unha liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para subvencionar os gastos e investimentos nos que incorran os emprendedores no lanzamento e consolidación das súas startups. “Esta aposta”, dixo, “tamén se reflicte na recente ampliación da rede de aceleradoras, coa incorporación de Climatech, a máis recente business factory, que permite o impulso de proxectos empresariais no sector de solucións ambientais e economía circular, respaldando así a sustentabilidade ambiental do tecido produtivo galego”.
Impulso a través de formación especializada en innovación
Con este galardón, UARX Space recibiu un premio en metálico de 6.000 euros e o acceso a un programa de formación nun hub de innovación de referencia global. Trátase de Moonshot Thinking for entrepreneurs, unha formación especialmente deseñada para startups con alto potencial de crecemento impartida por profesorado de ESADE.
Ademais, UARX Space tamén terá a oportunidade de participar nos Investors Day EmprendeXXI, unhas xornadas onde poderán manter contacto con investidores e empresas interesadas en colaborar co ecosistema emprendedor, e pasarán a formar parte da comunidade AlumniXXI, composta por fundadores e gañadores de edicións pasadas.
A entrega dos Premios EmprendeXXI, celebrada no marco do DayOne Innovation Summit Galicia, contou tamén coa presenza do conselleiro delegado de ENISA, Borja Cabezón, e a directora comercial de Rede Galicia de CaixaBank, Marta Albela. O xurado encargado de seleccionar á empresa gañadora estivo composto por membros relevantes do ecosistema galego de emprendemento e innovación, como Unirisco, XesGalicia, Bioga, Mestrelab ou Zendal.
As empresas máis innovadoras e con maior potencial de Galicia
Ademais de UARX Space, no evento participaron o resto de startups finalistas en Galicia, que tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos:
-Diversa Technologies. Spin-off xurdida do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do SERGAS. Colabora con empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas para buscar solucións, a través da aplicación de nanotecnoloxía, que permitan o desenvolvemento de fármacos e terapias innovadoras en eidos como a oncoloxía ou as enfermidades raras. O seu obxectivo último é mellorar a calidade de vida das persoas a través da medicina de precisión.
-Enzicas bio. Startup que elabora aditivos alimentarios sostíbeis a partir do amidón de castaña. As súas solucións biotecnolóxicas facilitan os procesos de maduración de produtos lácteos e cárnicos, ao diminuír os seus tempos e reducir custos.
-Kreios Space. Empresa aeroespacial que desenvolve sistemas de propulsión eléctricos e sustentábeis para satélites. A súa innovadora tecnoloxía permite reducir as órbitas actuais nas que operan os satélites, diminuíndo o custo das misións e a xeración de lixo especial, á vez que incrementan o tempo de vida deste tipo de vehículos.
-Nova Industria Galega (NIGAL). Desde a súa sede en Ribadeo pretende democratizar e poñer ao dispor das empresas toda a información que xeran nos seus procesos industriais. Para iso deseñan solucións a medida, en base á Intelixencia Artificial e a aprendizaxe máquina. Nestes momentos conta no mercado con aplicacións de monitoraxe e análise para os sectores vinícola, forestal e de xestión de residuos.

PUBLICIDADE