O Teatro Jofre acolle este sábado a gala da novena edición dos Premios Youtubeiras+
luns, 2 de febreiro do 2026
O Teatro Jofre de Ferrol acollerá este sábado 7 de febreiro, ás 19.00 horas, a gala de entrega da novena edición dos Premios Youtubeiras+, certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e mais da Deputación da Coruña.
As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha cerimonia de entrega que presentarán Leila Fernández (membro da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke).
Na novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que, segundo as entidades organizadoras, “bateu a marca histórica do concurso e supera a colleitada na edición anterior, en que participaron un total de 89 canles”.
Novidades
Nesta edición permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas. Esa foi a gran mudanza nas bases, xa que na oitava edición só puido participar quen tivese perfís no YouTube e TikTok.
Outra novidade dos Premios Youtubeiras+ é que o certame contou por vez primeira coa categoría de Premio ao Mellor Podcast. Por ese motivo, a gala significará a emisión ao vivo do primeiro episodio do Pódcast Youtubeiras+. Ese será o leitmotiv da velada que conducirán Leila Fernández e Carlos Vieito. As entradas son gratuítas e pódense retirar xa a través da plataforma ataquilla.com, ou ben o propio 7 de febreiro no despacho de billetes do Teatro Jofre.
Categorías e galardóns
Os Premios Youtubeiras+ teñen sete categorías: Canle, Creación de Contidos, Podcast, Calidade Lingüística, Revelación, Rede e o Premio do Público. Todos os premios contan cunha dotación de 1000 €, agás as dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden a 1250 €. As persoas gañadoras (agás no caso do Premio do Público, que se decide por votación popular a través das redes) foron escollidas por un xurado conformado polos seguintes membros: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
Premio á Mellor Canle
antontisimo (@ant0ntisim0) (Burela)
carlotaghatos (Melide)
Rodri Míguez (Redondela e Bueu)
Rogelio Santos Queiruga (Porto do Son)
Premio á Creación de Contidos
Aradeira de súa (Ribeira)
Konachadas (Concello de orixe: Viveiro, na actualidade reside en Rois)
@adochinto (Porto do Son e Santiago de Compostela)
@miguelblesta (Brión)
Premio ao Mellor Pódcast
A ferida aberta no 36 (Santiago de Compostela)
Diversos Pódcast (Ribeira)
Fóra de mapa Pódcast (Meis e Vigo)
Prendidísima (Santiago de Compostela)
Premio á Calidade Lingüística
daviidraamos_ (Cariño)
@diegoauxx (Vigo)
LongaLingua (Santiago de Compostela)
@patriiotero (Santiago de Compostela)
Premio Revelación
@langrans_ (Ourense)
Mareando o xogo (Malpica de Bergantiños, Costa da Morte)
@miradenovo (Bueu)
O búnker debuxos (Ferrol)
Premio Rede
ChutenMeme (Santiago de Compostela)
Descifrando a Historia (A Caniza)
Galiactiva (Ourense)
Noticias dispersas (Ourense)
Premio do Público
Cada historia, unha vida. 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela (Culleredo)
Caldo de repolo, de Pakolas. Música infantil en galego, de Pakolas (Oleiros)
Ficacoabola nuns cuartos de final de Conference League | O noso blog máis especial con Miki Villar!, de Fica Coa Bola (Pontevedra e Santiago de Compostela)
Os Bolechas van a servizos sociais, de ChutenMeme (Santiago de Compostela)
