O Tribunal Supremo do Brasil ratifica o bloqueo de X

luns, 2 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A Primeira Sala do Tribunal Supremo Federal (STF) do Brasil ratificou a decisión do maxistrado Alexandre de Moraes que suspendeu X en todo o territorio nacional. A resolución do maxistrado adoptouse o pasado venres, despois de que o Tribunal realizase todos os esforzos posibles para que X cumprise coas ordes xudiciais e pagase as multas impostas. Na sesión de hoxe, o seu relator insistiu en que as persoas e empresas que tentasen burlar a decisión xudicial (por exemplo, empregando unha VPN para acceder a X) serían sancionadas con multas de 50.000 reais diarios (uns 8 mil euros).
Pola súa banda, o maxistrado Flávio Dino destacou que o poder xudicial garante acceso a recursos contra as decisións, pero non permite obstrución ou elección de que ordes cumprir. «O poder económico e o tamaño da conta bancaria non xeran unha estraña inmunidade de xurisdición», subliñou.
A maxistrada Cármen Lúcia destacou, no seu voto, que o Poder Xudicial é un sistema de órganos derivados da soberanía nacional, e, polo tanto, a súa decisión ten que ser «acatada, respectada e lexitimada». Reiterou que as ordes xudiciais deben ser cuestionadas segundo a lexislación procesual, «non segundo os humores e voluntarismos de quen sexa, nacional ou estranxeiro».
Para o maxistrado Cristiano Zanin, o incumprimento reiterado das decisións do STF é grave, apuntando que «ninguén pode pretender desenvolver as súas actividades en Brasil sen observar as leis e a Constitución Federal».