O Web Engines Hackfest inicia as súas sesións colaborativas
martes, 16 de xuño do 2026
A segunda xornada do Web Engines Hackfest converteu este martes o PALEXCO nun grande laboratorio de colaboración arredor das tecnoloxías que sustentan a web moderna. Tras unha primeira xornada centrada nos estándares, a accesibilidade e a gobernanza da plataforma web, o protagonismo recaeu desta vez sobre WPE WebKit, o proxecto impulsado por Igalia para navegadores integrados, e sobre unha intensa actividade de grupos de traballo especializados.
A mañá estivo dedicada a unha pista temática específica sobre WPE WebKit, unha das tecnoloxías de código aberto máis relevantes desenvolvidas desde Galicia para dispositivos conectados e sistemas embebidos. As sesións abordaron a evolución da nova API WPEPlatform, destinada a simplificar o desenvolvemento de navegadores integrados en dispositivos como televisores, sistemas industriais ou equipos baseados en Raspberry Pi. Os asistentes puideron coñecer tamén os avances na integración de Skia como sistema de composición gráfica, distintas técnicas para reducir o consumo da GPU e melloras de rendemento obtidas mediante optimización guiada por perfís (PGO).
Outro dos asuntos tratados foi a estratexia de control de calidade do proxecto, cunha presentación centrada nos mecanismos empregados para detectar regresións antes de que cheguen aos usuarios finais. A programación completouse cunha sesión dedicada á adaptación da plataforma WPE ao ecosistema Android, ampliando así as posibilidades de uso desta tecnoloxía en novos dispositivos e contornas.
As actividades da xornada desenvolvéronse en sesións técnicas de formato aberto, unha das características distintivas do encontro, que tamén permiten a asistencia en remoto a través de Jitsi.
Os participantes distribuíronse en grupos de traballo centrados en cuestións como o impacto da intelixencia artificial sobre a web, os desafíos derivados do crecente consumo automatizado de contidos por parte de sistemas de IA, a evolución da especificación AsyncContext ou o desenvolvemento de ferramentas de depuración para o navegador Servo.
A programación concluirá este mércores cunha nova xornada de sesións colaborativas e reunións técnicas nas que se seguirán definindo aspectos clave do futuro dos navegadores e das tecnoloxías web.
