O Wordle xa ten versión coruñesa

martes, 1 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

O desenvolvedor Fernando Souto, tras coñecer o fenómeno de Wordle decidiu retarse a si mesmo a crear un clon do xogo usando Flutter en menos de 4 horas, o que frutificou en El reto de Xerión, un xogo móbil dispoñible para Android e para iOS que ten unha mecánica como a do popular Wordle pero céntrase en palabras relacionadas coa cidade da Coruña.
O xogo mantén a esencia a creación de Josh Wardle: pode xogarse de balde e cunha palabra diferente que adiviñar cada día. Pero Xerión ten unha importante diferenza fronte ao xogo orixinal: conta cun botón para obter unha pista para poder dar coa palabra do día, detalle moi de agradecer xa que as palabras a adiviñar poden estar en koruño. A aplicación tamén está integrada co Game Center e Google Play Games, de xeito que é doado competir con outros usuarios para ver quen sabe máis da cidade herculina.
O código fonte desta aplicación está dispoñible en GitHub, polo que os interesados en crear variantes do xogo con outras temáticas ou dedicadas ás súas propias vilas téñeno doado.

PUBLICIDADE