O barómetro de SinFiltro avoga por seguir avanzando en benestar real na profesión tecnóloga
mércores, 11 de febreiro do 2026
A iniciativa galega de divulgación e debate tecnolóxico SinFiltro impulsada por Marcelo Castelo presentou os resultados da cuarta onda do barómetro Hábitos, Prácticas e Benestar do Tecnológo, o seu estudo encamiñado a explorar como se coidan, que hábitos teñen e como se senten as persoas que impulsan a transformación dixital do noso tempo. A onda ten o punto de partida nunha indagación nos hábitos das e dos profesionais do sector tecnolóxico, nas súas rutinas para coidar a saúde mental e física, e nas súas relacións persoais.
Trátase, segundo explica Marcelo Castelo, “dunha enquisa que busca explorar o lado máis humano do talento tech en España”.
O estudo, de carácter exploratorio, contou coa participación de profesionais TIC de toda España, e foi apoiado por entidades como o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería Informática, universidades e colexios profesionais autonómicos.
Entre os principais resultados desta cuarta onda do barómetro, destácase os seguintes:
-O 70,84% das persoas enquisadas valora o seu estado xeral de saúde mental entre 6 e 10, o que apunta a unha percepción maioritariamente positiva. Con todo, un significativo 29,16% sitúa o seu benestar emocional entre 0 e 5, evidenciando a existencia dunha porcentaxe relevante do sector que experimenta malestar psicolóxico.
-O 62,22% afirma lograr unha desconexión completa do traballo no seu tempo non laboral, mentres que o 37,78% recoñece non conseguilo, un dato que, segundo salienta SinFiltro, “pon de relevo a persistencia de fronteiras difusas entre a vida profesional e persoal no ámbito tecnolóxico, así como a necesidade de seguir avanzando en políticas e culturas organizativas que favorezan o descanso e o benestar real”. Engaden que “o talento tecnolóxico non se sostén só con innovación e esixencia: necesita benestar, desconexión real e contornas onde coidarse. Este barómetro permítenos escoitar como se senten os profesionais para poder actuar en consecuencia”.
O dossier, que recolle todos os resultados do estudo, compartiuse cos colexios colaboradores, universidades e medios especializados pertinentes.
Como lembraremos, SinFiltro é unha entidade sen ánimo de lucro que impulsa un liderado tecnolóxico máis humano, consciente e sostible. A súa misión é “dar visibilidade aos perfís clave da transformación dixital (CIO, CTO, desenvolvedores, tecnólogas) desde unha perspectiva cultural e emocional.
