O centro de emprendemento TIC de Carballo terá capacidade para 18 proxectos

luns, 17 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña, como avanzamos os días pasados dende Código Cero, vai impulsar en Carballo un espazo de traballo cooperativo centrado nas tecnoloxías da información: un innovador centro de coworking que sexa un referente de servizos, ferramentas TIC e novos contidos dixitais. A semana pasada soubemos máis detalles sobre a iniciativa. O motivo? A sinatura do acordo entre as dúas entidades (Deputación e Concello) para facer realidade o proxecto, inserido na Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo da Deputación, da que tamén forman parte Oleiros, Brión e Boiro.
Na formalización do convenio participaron o presidente da entidade provincial, Valentín González, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Segundo fixeron saber, o proxecto suporá un investimento de 93.750 euros, dos que o 80% (75.000 euros) serán achegados directamente pola Deputación a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende).
Con estes fondos, sinalou o titular do Goberno provincial, adaptarase un espazo de preto de 160 metros cadrados dispoñíbel no complexo do Fórum Carballo con capacidade para acoller ata 18 novos proxectos empresariais, cuxa actividade de negocio estará vencellada co sector tecnolóxico ou da innovación.
Como dixemos, o centro terá capacidade para a instalación de 18 emprendedores, ademais de contar con espazos para un/unha técnico de dinamización e un/unha auxiliar administrativo/a. A maiores, o espazo de traballo colaborativo utilizará as infraestruturas do Fórum Carballo que sexan necesarias para desenvolver as súas actividades (salas de formación, auditorio, salas de reunións, despachos...).
Nesta primeira fase levaranse a cabo accións de adecuación das instalacións do Fórum para acoller o centro (sistemas de filtro de luz natural para as fiestras, dotación de mobiliario de oficina, habilitación da zona de recepción e despacho do técnico de dinamización), contratación do persoal encargado da xestión do centro e elaboración do regulamento de funcionamento do centro. Nunha segunda fase levarase a cabo o proceso de capacitación e selección dos usuarios do centro, a implantación da imaxe corporativa e accións de promoción e difusión. Na última, o equipo técnico analizará as necesidades específicas dos proxectos empresariais implantados e desenvolverá un programa formativo e traballos de mentoring para a consolidación e desenvolvemento dos proxectos empresariais.

PUBLICIDADE