O certame Curtas Festival do Imaxinario reivindica o cinema de xénero en formato 9.16
mércores, 3 de xuño do 2026
O certame Curtas Festival do Imaxinario, o festival de cinema fantástico e de terror de Galicia, con sede en Vilagarcía, vai traer unha importante novidade tecnolóxica para a súa nova edición: a sección Vertical Fantastic Contest, a través da cal a comunidade de seareiros poderá desfrutar de cinema de xénero en formato 9.16. Trátase, en palabras da organización, “dunha nova dimensión para o terror e a ficción”. A través desta sección, o festival buscará as 10 mellores obras de xénero concibidas dende a verticalidade.
O novo apartado xorde dunha realidade que non se pode negar: a forma na que consumimos o audiovisual mudou. Así, indican dende a organización, “as pantallas dos nosos móbiles e as plataformas dixitais crearon novas formas de narrar”, e o “que empezou case como unha anécdota, o formato vertical (9.16), é hoxe unha linguaxe propia cunha gran forza, capaz de conectar directamente co público sen perder calidade, profundidade nin identidade de autor”.
Por iso, Curtas Festival do Imaxinario dá un paso adiante na súa 54ª edición (do 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026) coa creación de Vertical Fantastic Contest, unha nova sección competitiva enfocada en “explorar como respiran o terror, a fantasía e a ciencia ficción cando lle damos a volta á pantalla”.
“Buscamos curtametraxes e series web pensados desde cero para o dispositivo móbil, pezas que non sexan simples recortes dun plano panorámico, senón que entendan a verticalidade como parte da historia”, sinala o equipo do festival, engadindo que “queremos ver como os creadores aproveitan este lenzo para xerar inmersión e tensión dunha forma distinta”.
A selección será moi coidada: escolleranse só 10 traballos para que compitan polo galardón desta categoría.
Respecto da irrupción da intelixencia artificial, sinalan: “Queremos deixar clara a nosa postura respecto ás novas ferramentas tecnolóxicas, valoramos por encima de todo o talento e a perspectiva das persoas; aínda que permite o uso puntual de intelixencia artificial como un apoio creativo menor, non aceptaremos proxectos xerados integramente con IA. A obra ten que ter pulso e corazón humano”.
A convocatoria xa está aberta. Os traballos poden enviarse desde este momento a través das plataformas de inscrición habituais do festival.
As persoas interesadas poden consultar todos os detalles, requisitos e bases completas na web do festival.
Dende 1973
Cunha traxectoria que se remonta a 1973, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa consolídase como “o decano dos certames audiovisuais en Galicia” e “un referente absoluto para o xénero fantástico e de terror”, sinalan dende a organización, salientando que “máis que un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cinema Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cinema, literatura, cómic e artes visuais nunha proposta cultural única”.
Curtas Festival do Imaxinario é membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), o que lle permite outorgar anualmente o prestixioso selo Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea.
Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que outorga a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva listaxe de Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero de todo o mundo.
Declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o festival ofrece cada outono unha coidada escolma internacional de longametraxes e curtametraxes, complementada cunha axenda de encontros con creadores de primeiro nivel, exposicións inéditas e obradoiros.
Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54 edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e o patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.
