O emprendedor galego responsábel do sistema Syspo vaise a Silicon Valley da man de Yuzz
xoves, 10 de setembro do 2015
Seguimos a dar conta de
recoñecementos aos nosos profesionais e estudantes da man do
Proxecto Yuzz, unha iniciativa de
aceleramento de ideas con sedes de seu en múltiples recantos
estatais, e tamén na nosa terra. Logo de informar onte da
distinción a Fly Away pola banda da Universidade da Coruña,
agora é a quenda de achegarnos ao centro Yuzz de Santiago e
salientar o recoñecemento obtivo por Syspo (Sistema optimizado de
xestión e localización de drons), unha tecnoloxía desenvolvida por
José Manuel Vigo Cacheda. Grazas a ter sido seleccionado no programa
(unha iniciativa do Centro Santander Emprendemento, CISE), o
emprendedor acadou unha praza para viaxar a Silicon Valley xunto con
outros 41 mozos de todo o ámbito español.
Syspo consiste como
dixemos nun sistema de control e xestión masivo de vehículos aéreos
non tripulados. O proxecto foi elixido como a mellor iniciativa do
centro Yuzz de Santiago de Compostela (USC) e obtivo unha praza para
viaxar a Silicon Valley e ficar alí entre o 29 de outubro e o 4 de
novembro, visitando os emprazamentos de corporacións punteiras como
Google, LinkedIn, Facebook ou Hewlett Packard. O xurado seleccionouno
como o mellor da sede compostelá, na que concorreron coas súas
iniciativas dúas ducias de mozas e mozos emprendedores, que contaron
(ao abeiro de Yuzz) durante cinco meses co apoio da Universidade de
Santiago, Rede Emprendia e a Xunta de Galicia.
Por certo que o vindeiro
6 de novembro, na Cidade Grupo Santander, os 42 novos empresarios
presentarán as súas ideas perante un xurado integrado por
representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras de
Yuzz. Os tres mellores proxectos recibirán unha dotación económica
(30.000, 20.000 e 10.000 euros) para que os seus responsábeis poidan
acelerar as propostas.
Máis sobre Syspo
Syspo, informan os
responsábeis do centro Yuzz de Compostela, é un proxecto
empresarial para dar forma a un sistema de xeoposicionamento e
control masivo de drons “de forma automatizada e eficiente”.
Compatíbel con calquera dispositivo (computador, smartphone,
tableta, mando de RC tradicional), permite un uso seguro das
tecnoloxías empregadas, “a calquera distancia e sen que os
usuarios teñan que instalar antenas propias”. Un dos máximos
puntos fortes de Syspo, engádese, é que o sistema permite controlar
e programar a ruta de varios vehículos aéreos non tripulados á
vez. “Arestora”, sinala José Manuel Vigo, “podemos manexar un
dron por persoa, pero con Syspo podemos chegar a xestionar de maneira
simultánea milleiros de aparellos, dependendo da dificultade de voo
coa que nos enfrontemos”.
José Manuel Vigo Cacheda
é estudante de Enxeñaría Informática. Con
17 anos foi premiado nos certames Galiciencia (Galicia) e Exporecerca
(España) polo desenvolvemento dun vehículo biplaza eléctrico e
autónomo recargábel con enerxía solar.
Volvendo ao centro Yuzz
de Santiago, informar que foi seleccionado como segundo finalista o
Proxecto Nostracker promovido polos emprendedores Iván Dobarro e
Cruz Negreira. A súa proposta de negocio, informan dende Yuzz,
consiste “en levar ao mercado a investigación e o desenvolvemento
tecnolóxico de innovadoras ferramentas que respondan as necesidades
e tendencias máis punteiras en materia de seguimento e análise da
reputación en lña suxerindo accións para a súa mellora”.
O terceiro proxecto
seleccionado é GreenAquaculture, promovido por Silvia Calaza, que
trata de desenvolver sistemas avanzados de cultivo acuapónico
(cultivo integrado de animais acuáticos e plantas no que as
bacterias nitrificantes transforman o amonio excretado polos animais
acuáticos, facéndoo asimilábeis para os vexetais) de depuración
de augas residuais para a industria acuícola.
Yuzz, unha aposta pola
innovación
Yuzz comezou a súa
andaina en 2009 con dous centros, un en Barcelona e outro en Madrid,
como un viveiro tecnolóxico de grandes ideas. Desde entón medrou de
forma exponencial e nesta nova edición, que dirixe o CISE co
patrocinio de Santander Universidades, acadou os 41 centros
espallados por todo o territorio español e coa participación de
preto de 900 mozas e mozos emprendedores.