O emprendemento e a innovación nas industrias culturais centrarán un foro na Illa de San Simón

luns, 9 de xullo do 2012 Redacción

Entre os días 17 e 19 de xullo a Illa de San Simón será o escenario no que terá lugar o II Foro INDCREA, organizado polo Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto ao Consello da Cultura Galega para analizar e atopar novas fórmulas (a través do debate, a reflexión e a investigación) que permitan afrontar con éxito os desafíos de futuro das industrias culturais e creativas.
No foro analizaranse aspectos como o valor económico das industrias culturais, os modelos de negocio existentes e emerxentes ou a necesidade de acometer unha reestruturación imposta pola conxuntura económica e a reconversión tecnolóxica. Tamén abordarán temas como as estratexias de futuro e as tendencias a explorar.
Outros asuntos que se tratarán ao longo deste encontro van desde a importancia económica e cultural no contexto da globalización ata o ecosistema creativo, innovador, colaborativo e comercial da cultura dixital, a problemática e os novos modelos de negocio na industria musical, o potencial da cultura e as marcas nas redes sociais, o impacto do cambio do paradigma dixital, a alfabetización mediática, a divulgación científica, a promoción e o emprendemento turístico vencellado á cultura ou a investigación no eido das industrias creativas.
Ademais dun amplo colectivo de profesores universitarios e profesionais galegos, como podemos ver no programa do encontro (dispoñible en formato PDF), encargaranse de analizar todos estes aspectos destacados expertos que desenvolven o seu traballo fóra de Galicia, como son os casos de Rafael Rodríguez Ponga, secretario xeral do Instituto Cervantes; Manuel Toharia, director científico da Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia; Paulo Faustino, secretario da Asociación Portuguesa de Medios de Comunicación Social; Gonzalo López Campos, director do selo Movistar Música; Francisco Aguadero, investigador, comunicador e especialista en comunicación social; ou Juan Nouche, produtor multimedia de Otiiplanet.com, entre outros.
Do ámbito académico, viaxarán a San Simón con motivo de INDCREA 2012 Neysi Palmero, catedrática da Facultade de Comunicación e Mercadotecnia da Universidade Autónoma de Guerrero (México), Francisco Rui Cadima, catedrático de Comunicación da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa; Ana Cristina Correia Gil, profesora da Universidade Pública das Açores (Portugal); Rosario de Mateo, catedrática de Xornalismo da Universidade Autónoma de Barcelona; Juan Carlos Miguel de Bustos, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco; José Ignacio Aguaded, catedrático de Medios e Novas Tecnoloxías da Comunicación aplicadas á Educación da Universidade de Huelva; Franc Ponti, profesor da escola de negocios EADA de Barcelona e Antoni Serra Cantallop, profesor da Universidade das Illas Baleares.
O encontro será retransmitido en streaming pola canle San SimónTV. Tamén se realizará un completo seguimento en Twitter dende a conta @illasansimon e baixo a etiqueta #INDCREA2012.

PUBLICIDADE