O encontro Enfócate fixou a ollada na evolución tecnolóxica da fotografía

mércores, 10 de decembro do 2025 S. P.

A Cidade da Cultura acolleu o evento Enfócate 2025, proxecto educativo de referencia no ámbito da fotografía e das artes visuais en Galicia. A iniciativa enmárcase no recentemente publicado Plan Educ-Art para o impulso e modernización das ensinanzas artísticas en Galicia, a través do que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional potencia os vínculos entre o ámbito educativo, profesional e laboral.
Froito da colaboración público-privada, o evento organízase conxuntamente entre a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, de Santiago de Compostela e a empresa González Almacén Fotográfico, contando tamén coa colaboración do CIFP Imaxe e Son da Coruña
Xurdiu como evolución de FotoEscola, a iniciativa de Juán Adrio, actual director da Escola de Arte e de Pablo González, de González Almacén Fotográfico de Lugo. A súa boa acollida levou a transformalo en Enfócate.
Enfócate aposta por un modelo formativo práctico, innovador e conectado coa realidade profesional. O programa incorpora ferramentas, coñecementos e experiencias de alto nivel, incluíndo clases maxistrais e obradoiros impartidos por especialistas recoñecidos no ámbito internacional.
Na edición 2025 participaron os seguintes profesionais.
-Álvaro Sanz embaixador de SmallRig e Laowa que ofreceu un obradoiro titulado Mirar e contar: técnica e cinematografía no documental. Este obradoiro propuxo unha introdución realista á linguaxe cinematográfica dentro dos diferentes formatos que traballa o realizador e fotógrafo Álvaro Sanz. Os participantes descubriron como as decisións visuais inflúen na forma de contar unha historia. Analizouse un proxecto real e realizouse unha demostración práctica para ver como aplicar estes recursos nunha secuencia interior.
-Gus Geijo embaixador de Profoto, é fotógrafo internacional especializado en retrato social e institucional, moda e beleza. Realizou traballos para rostros coñecidos como o tenista Rafa Nadal ou empresas de gran magnitude como Repsol ou El Corte Inglés. Amosou no seu taller todo ou fluxo de traballo que hai detrás dunha fotografía de moda e beleza de alta calidade.
-Jaime de Diego embaixador de Canon, ofreceu un obradoiro que leva por título Todo o que necesitas saber para conseguir fotos de 10. Mostrou como corrixir os erros máis habituais: imaxes desenfocadas, trepidadas ou mal compostas, para que as fotos gañen calidade e alcancen ese nivel 10 que se busca. Ademais, falou dos fluxos de traballo que segue no seu día a día un fotógrafo profesional de acción e deporte.
-Jake and Claud, embaixadores de Maxxima, amosaron non seu taller como hoxe en día cada vez é máis común facer shooting fotográfico e rodaxe co mesmo set de luz nunha campaña ou editorial de moda. Mostraron en directo como sacar o maior partido á plataforma de luz continua Maxima, unha solución lixeira e versátil con todos os accesorios Profoto.
-Joan Vendrell, embaixador de Fujifilm, falou do seu percorrido profesional no taller titulado Vivir da Fotografía: Transformar a túa paixón en profesión, unha andaina que comezou “moito antes de dedicarme profesionalmente á fotografía e antes de convertela no meu modo de vida. Falo das dúbidas, das primeiras cámaras, dos traballos que nada tiñan que ver con este mundo e dese instante no que entendín que ou apostaba en serio... ou seguiría soñando esperto”, comentou.
-María Presser, embaixadora de Sony, que falou sobre A intelixencia artificial como aliada creativa: edición profesional e inspiración visual. Na charla explorou como a edición profesional e o uso consciente de a IA poden transformar a maneira en que se crea e perfeccionan as imaxes. Amosou como estas ferramentas poden axudar a acelerar o fluxo de traballo, perfeccionar resultados, explorar novas formas de creatividade e enriquecer o storytelling visual. A través de exemplos prácticos e reflexións sobre o proceso artístico, ensinou como integrar a IA como unha aliada, non como unha substituta, potenciando a mirada persoal e elevando a calidade das producións fotográficas.
-Santi Veiga, embaixador de Sigma e Zhiyun, brindou un obradoiro creativo enfocado no manexo de distintas ferramentas en diversos ámbitos. Fixo probas en directo sobre o uso do gimbal, o slider e a súa importancia na narrativa, mostrando como utilizar a iluminación para potenciar cada momento. Tamén falou de simetría e composición en cada plano, así como de como construír breves relatos. Ademais, explorou ferramentas que facilitan o traballo en equipo mediante a transmisión en directo.
O encontro rematou cunha clase maxistral da embaixadora de Sony Andrea Font, creadora audiovisual, directora e CEO de Full Frame Studio, que conta cunha comunidade de máis de 70.000 seguidores nas súas redes. Está considerada unha das voces máis destacadas da creatividade visual contemporánea. Directora e cámara, especializada en documental, música, deportes acuáticos, viaxes e publicidade, é responsable de equipos gráficos en festivais e grandes producións, e autora de campañas globais para marcas de recoñecido prestixio.

Clausura da man do conselleiro de Cultura

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, foi o encargado de clausurar Enfócate 2025, unha cita na que participaron uns 700 estudantes de ensinanzas de imaxe e son para recibir formación innovadora e técnicas de vangarda, “algo moi útil para aprender dos mellores profesionais e transformar eses coñecementos en oportunidades para o futuro persoal e profesional do alumnado”, sinalou, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.
O representante do Goberno galego remarcou tamén o carácter multidisciplinar “desta cita na que se achegan diferentes realidades para todos os gustos”, algo que encaixa co Plan Educ-Art da Xunta para modernizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas da nos terra. Entre os obxectivos desta iniciativa está o de impulsar estas ensinanzas artísticas e reforzar o modelo formativo práctico, innovador e conectado coa realidade profesional.