O fundador de Signal denuncia a finxida seguridade de Telegram

mércores, 11 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Aínda que Telegram vende a imaxe de ser unha plataforma de mensaxería privada e segura, está moi lonxe de ser así se atendemos ás palabras de Moxie Marlinspike, fundador de Signal (compañía que achega a tecnoloxía de cifrado á súa propia plataforma de comunicación e a WhatsApp), quen nunha entrevista realizada por Sabrina Halper é tallante sobre a plataforma de Pavel Durov.
Marlinspike sostén que «Telegram non é un servizo de mensaxería privada. Non hai nada privado nel. É xusto o contrario. É un servizo na nube no que cada mensaxe que enviaches ou recibiches está en texto plano nunha base de datos que Telegram, como organización, controla e á que ten acceso» engadindo que «fixeron un traballo realmente sorprendente convencendo a todo o mundo de que se trata dunha aplicación de mensaxería cifrada e de que o seu fundador é unha especie de disidente ruso, malia que vai alí unha vez ao mes, todo o equipo vive alí e tamén as súas familias».
Aínda que as palabras de Marlinspike son unha sobresimplificación da realidade, é evidente que, cando non se establecen chats secretos en Telegram as comunicacións están ao alcance da plataforma, de aí que poidan recuperarse sen problema con independencia do dispositivo empregado xa que as chaves de cifrado están en poder de Telegram, en contraste co que acontece con WhatsApp e Signal, que no cifrado de extremo a extremo as chaves están nos dispositivos dos participantes da conversa, quedando fóra do alcance das compañías detrás das plataformas de comunicación.
Tamén resulta significativo que o fundador de Signal apunte ás falsidades de Durov sobre a súa independencia de Rusia, pois hai numerosas evidencias que apuntan á colaboración de Telegram co Kremlin (xa que en caso contrario Durov non podería pisar o chan de Rusia, algo que fai con frecuencia). De feito, Marlinspike incide no feito de que, tras a súa detención en Francia, Durov está a atender solicitudes de control das comunicacións por parte de gobernos, algo que plataformas como Signal non poden realizar, xa que tecnicamente non sería posible.

Entrevista completa de Sabrina Halper a Moxie Marlinspike