O marzo do 68 revive en Compostela cunha aventura interactiva e paseos guiados
martes, 10 de marzo do 2026
A concelleira de Memoria Histórica de Santiago, Míriam Louzao, presentou dúas iniciativas que recuperan a historia das protestas estudantís do 68 na cidade baixo o selo Compostela é memoria. Trátase do proxecto interactivo Antes de maio e o paseo guiado Venceremos nós, que convidan a revisitar os acontecementos desde novas perspectivas.
Míriam Louzao sinalou que Santiago tivo un papel relevante na chamada primavera do 68, que chegou en marzo, adiantándose ao maio francés. Para lembralo, o Teatro Principal acollerá a presentación de Antes de maio, un pioneiro proxecto que combina ficción e documental recreando estes feitos, e o paseo Venceremos nós percorrerá as rúas da cidade para mergullarnos no contexto da época.
As dúas propostas son de balde, a primeira con entrada libre no Teatro Principal o martes 17 de marzo ás 20.30 horas e segunda con inscrición previa na web do proxecto.
A concelleira recordou que no curso 67-68 dous eventos anticiparon en Compostela o famoso maio francés, mesmo baixo a ditadura franquista. Máis de mil estudantes protagonizaron un feche pacífico no edificio central da Universidade de Santiago de Compostela, hoxe a Facultade de Xeografía e Historia, desaloxado ao terceiro día pola Policía Armada. A finais de mes, unha asemblea en Medicina foi tamén desaloxada violentamente polos grises, con detidos e feridos.
Na rolda de prensa participaron tamén Irene Pin, da cooperativa Aqueladas, e Óscar Senra, integrante de Maos Innovación Social. Irene Pin destacou o carácter interactivo da proposta Antes de maio, mentres que Óscar Senra animou a participar nos roteiros guiados que esta semana percorrerán Compostela para afondar no contexto histórico daquelas mobilizacións do 68 baixo o lema Venceros nós.
Antes de maio
O audiovisual Antes de maio é un proxecto de Aqueladas, mestura de ficción e documental, que recibiu o Premio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social da Deputación da Coruña. Co formato dunha novela visual -un tipo de experiencia interactiva próxima a un videoxogo narrativo sinxelo, que combina textos, deseños artísticos e toma de decisións-, sitúa ao público na pel dunha estudante de primeiro no curso 67-68, que terá que escoller como implicarse nas protestas estudantís.
As persoas participantes irán facendo distintas eleccións, algunhas máis banais e outras máis transcendentais, que condicionarán o desenvolvemento do relato e a forma de vivir os acontecementos. A narración incorpora fragmentos de entrevistas realizadas durante o proceso de documentación, que funcionan como contrapunto e achegan testemuños reais. Nelas participan Camiño Noia, Carme Ríos, Manuela Corral, Elena López, Carlos Campoy e as irmás Susana e Marisol López Facal.
A listaxe é eminentemente feminina, pois, segundo explicaron dende a Concellería de Memoria Histórica, Antes de maio ofrece “unha visión centrada na perspectiva das mulleres da época, que busca os pequenos detalles cotiás máis alá do feito histórico”. A medida que avanza a historia, a protagonista irá reunindo un inventario con diferentes materiais (libros, propaganda, etc), que o público poderá consultar a través dos seus teléfonos móbiles. O proxecto conta con ilustracións de Álex Rozados e Iria Iglesias, e guión de Irene Pin.
Esta proposta terá unha proxección interactiva o vindeiro martes 17 de marzo, ás 20h30 no Teatro Principal, con entrada libre ata completar aforo. O público deberá votar en tempo real co móbil, decidindo en común o devir do relato. Ademais, a iniciativa percorrerá varios centros de ensino da cidade, para achegar ao alumnado este episodio histórico.
Venceremos nós
O paseo guiado Venceremos nós, xurdido ao abeiro deste audiovisual, completa a aposta do Concello por recuperar e divulgar a memoria do 68 en Compostela. O percorrido polas rúas da cidade trasládanos ás mobilizacións estudantís e sociais antifranquistas, que se adiantaron ás coñecidas revoltas do maio francés.
Levaranse a cabo catro sesións guiadas do paseo nesta semana. Serán o xoves 12 ás 19 h, o venres 13 ás 19 h e o sábado 14 de marzo ás 12 h e ás 16.30 h. Hai prazas limitadas e requírese inscrición previa a través da web do proxecto.
Porén, existirá ademais unha versión dixital autoguiada que poderá facerse a través da mesma web, con versión en galego e en inglés, onde se recollen con texto e audio as diferentes paradas deste percorrido. A páxina xa está en aberto e a súa versión en inglés estará dispoñible a finais de marzo.
