O novo Guitar Hero axuda á venda de música

martes, 13 de novembro do 2007 Marcus Fernández

A finais de outubro chegou ás tendas norteamericanas o videoxogo Guitar Hero III baixo o lema Lendas do Rock (en Europa non se venderá ata o vindeiro día 23) e as consecuencias da comercialización deste novo título para PS2 chegaron máis aló do mundo dos videoxogos, pois a discográfica RoadRunner anunciou que o disco Inhuman Rampage de DragonForce (grupo musical que aparece no xogo co seu tema Through the Fire and Flames) incrementou as súas vendas nun 126%.
Agárdase que a nova entrega de Guitar Hero sexa un dos xogos máis vendidos do ano, pero o que parece indiscutible é que os videoxogos teñen moita influencia no consumo cultural dos seus seguidores, polo que a Industria audiovisual aposta cada vez máis por este tipo de soporte para promocionar os seus produtos.