O novo Plan de benestar dixital promoverá un uso responsable dos dispositivos dixitais na mocidade

luns, 23 de febreiro do 2026 Redacción

A Xunta contribúe á formación de preto de 7.000 familias a través do novo Plan de benestar dixital impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que pon o foco na colaboración entre o ámbito familiar e a escola para fomentar un uso seguro, responsable e comprometido das novas tecnoloxías.
No marco desta iniciativa, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugurou o pasado sábado na cidade olívica unha xornada formativa dirixida ás familias centrada no benestar emocional na adolescencia. O encontro completou as 300 prazas dispoñibles no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A estas cifras súmanse outras 300 persoas que participaron nunha xornada celebrada en Santiago a finais do pasado ano, así como as 6.300 inscricións canalizadas a través das anpas nos 250 obradoiros do programa Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade, tamén promovido pola Xunta, que esgotou a totalidade das prazas ofertadas.
Con motivo da súa asistencia ao encontro en Vigo, Román Rodríguez salientou a relevancia desta «alianza» para promover unha relación responsable cos dispositivos dixitais e unha convivencia saudable, co obxectivo de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia «desde todos os ámbitos, sexa familiar, escolar ou social». Neste sentido, incidiu na necesidade de que centros educativos, familias e alumnado conten coas ferramentas axeitadas, subliñando que «a formación é un aspecto vital» que a Xunta está a reforzar este curso en distintas cidades, tras a boa acollida da experiencia piloto de charlas e talleres iniciada a finais do ano pasado.
Os encontros, como o que se celebra na cidade olívica baixo o título A familia como base do crecemento persoal e emocional, abordan cuestións como o establecemento de límites na infancia ou o uso responsable das novas tecnoloxías. A través de relatorios e obradoiros impartidos por especialistas, ofrécense estratexias prácticas e respóndense as principais dúbidas das familias.
A xornada conta coa intervención de tres expertos: Alexandre García Caballero, doutor en Psiquiatría e especialista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que abriu o programa co relatorio Axudando a crecer cando cambian os marcos; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, que afondou nas claves para ensinar a nenas e nenos a empregar a tecnoloxía de maneira segura; e Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e profesor titular do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC, que pechou o encontro coa intervención Impacto da tecnoloxía na infancia e na adolescencia: entre a banalización e o alarmismo.

Plan integral de benestar dixital

Esta actividade inscríbese no Plan integral de benestar dixital da Xunta, que inclúe medio cento de medidas dirixidas ao conxunto da comunidade educativa, entre elas accións específicas para as familias como estas sesións formativas.
O plan conta cun orzamento de 7,4 millóns de euros para o seu desenvolvemento ao longo de cinco anos (ata 2030) e estrutúrase en seis ámbitos de impacto tecnolóxico: condutas de risco e ciberseguridade, hábitos de vida saudables, garantía de dereitos e valores democráticos, convivencia escolar e familiar, aprendizaxe e desenvolvemento cognitivo, e socialización e desenvolvemento persoal.