O novo xogo de Avatar xa ten data de lanzamento

luns, 30 de marzo do 2026 Redacción

O universo de animación de Avatar contará cun novo videoxogo de loita, Avatar Legends: The Fighting Game, que chegará o 2 de xullo a PlayStation 5, Xbox Series X|S, Nintendo Switch 2, Nintendo Switch e PC (a través de Steam), cun prezo base de 28,99 euros na versión de PC.
O título, desenvolvido por Gameplay Group International, propón combates en dúas dimensións cun estilo visual completamente debuxado a man, buscando reproducir con fidelidade a estética das series orixinais. Cada personaxe conta con máis de 900 fotogramas de animación, o que contribúe a unha representación fluída e moi próxima ao material orixinal.
No lanzamento inicial estarán dispoñibles doce loitadores, incluíndo heroes e viláns procedentes tanto de Avatar: The Last Airbender como de The Legend of Korra. O xogo aposta por un sistema de combate centrado no movemento e na expresividade, pensado para ser accesible para novos xogadores pero cunha profundidade suficiente para o público máis competitivo.
Entre os modos de xogo confirmados atópanse o versus local e en liña, arcade, historia, adestramento, espectador e unha galería de arte con contidos inéditos. O modo historia ofrecerá unha narrativa orixinal na que se decidirá o destino do tempo e do espazo, mentres que o arcade incluirá tramas específicas para cada personaxe.
No que respecta ao xogo en liña, Avatar Legends incorporará rollback netcode e xogo cruzado entre plataformas, co obxectivo de garantir partidas estables e competitivas. Haberá opcións como salas multixogador, repeticións e modos clasificatorios.

Tráiler no que anuncian a apertura das reservas do xogo en Steam