O podcast Aquí Faltan Páxinas reivindica a traxectoria da primeira muller que asinou proxectos de arquitectura en España
martes, 24 de marzo do 2026
A Deputación de Pontevedra levou o seu programa de podcasts Aquí Faltan Páxinas ata A Cañiza para salientar a traxectoria da primeira muller que firmou proxectos de arquitectura en España, Rita Fernández Queimadelos. Lembrar que a colección do programa Aquí faltan páxinas pode consultarse tanto na web institucional como en iVoox e Spotify.
O salón de plenos do Concello da Cañiza acolleu un novo faladoiro do ciclo de gravacións no que a protagonista foi Rita Fernández Quimadelos, natural da Cañiza. Segundo lembrou a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, “Rita foi a primeira galega titulada en Arquitectura, que exerceu a profesión durante 30 anos e deixou como legado un exemplo de constancia e talento, que abriu as portas ás novas xeracións, converténdose en referente para que outras mulleres avanzasen nunha profesión tradicionalmente masculina”.
Para Bouzós “é fundamental visibilizar a traxectoria de mulleres como Rita Fernández, que abriron o camiño a outras e traballaron para facer desta provincia un lugar muller”. Neste eido, a deputada reiterou o papel que desenvolve o programa Aquí Faltan Páxinas e aproveitou a ocasión para remarcar o compromiso da Deputación coa igualdade.
No faladoiro da Cañiza, María Carreiro, arquitecta doutora e divulgadora de arquitectura e urbanismo con perspectiva de xénero, foi a encargada de afondar na figura de Rita Eugenia Benedicta Fernández Queimadelos. A pesar da oposición inicial do seu pai, co apoio decisivo das súas avoas, a protagonista de Aquí Faltan Páxinas conseguiu estudar arquitectura en Madrid como parte da primeira xeración de arquitectas españolas. Converteuse na primeira galega titulada en Arquitectura, en 1940, e na primeira muller en España en asinar oficialmente os seus propios proxectos arquitectónicos. Faleceu en Barcelona o 26 de setembro de 2008, aos 97 anos, e está considerada pioneira no desenvolvemento de proxectos de arquitectura civil, rehabilitación e vivenda social.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros ao longo do 2026. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala, Marisol Soengas e Matilde Vázquez, despois do dedicado a Rita Fernández Queimadelos seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da fotógrafa e xornalista Corona González, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.
