O presente e o futuro da Rede, polo miúdo na derradeira xornada de InnovaTE2
martes, 17 de marzo do 2015
Este martes rematou o ciclo de xornadas do proxecto
InnovaTE2 da Deputación
de Lugo. O broche de ouro púxoo o encontro Espremendo
a Rede, reflexións sobre a alfabetización dixital,
que correu a cargo do galego Enrique Dans, profesor e reputado
blogueiro,
amais de ser un dos principais abandeirados das liberdades de
información e comunicación vinculadas ás novas contornas e os
novos dispositivos. Foi a primeira vez en que a provincia acolleu un
relatorio oficial de Enrique Dans, quen baseou unha boa parte da súa
intervención en analizar en detalle o presente e o futuro da
Internet e as redes sociais.
Dans, profesor na IE Bussines School amais de
bitacoreiro dixital (con máis 230.000 seareiros habituais), achegou
información sobre a vertente máis útil da Internet, sobre os novos
xeitos de interactuar que están a introducir (dende as redes cara a
sociedade, modificando mesmo a maneira que temos de comunicarnos off
line) e sobre o que se pode agardar de Internet e as redes
sociais nun futuro próximo. Amais do público que acudiu ao salón
de actos do Pazo de San Marcos, sede da Deputación, tamén foron
moitos os que puideron seguir a intervención de Dans pola Rede en
streaming a través de deputacionlugo.gal,
grazas ao traballo da Fundación TIC.
Segundo lembrou o organismo provincial, a de onte
non foi a primeira ocasión na que trouxo a prestixiosos expertos no
eido das novas tecnoloxías e as redes sociais. Profesionais e
divulgadores como Eduardo Punset, Emilio Duró; Fernando Trías de
Bes ou José Antonio Rodríguez son algúns dos persoeiros que teñen
compartido cos lucenses os seus coñecementos do mundo dixital e a
comunicación ao abeiro do programa tecnolóxico da institución
provincial que rematou este martes.
Enrique Dans, licenciado en Bioloxía pola
Universidade de Santiago de Compostela, a día de hoxe exerce de
profesor de Sistemas de Información na IE Business School dende o
ano 1990, materia esta na que está doutorado pola Universidade de
California en Los Ángeles (UCLA). Alén do seu labor docente, Dans
traballa de asesor tanto para compañías como para startups,
en medios de comunicación en temas relacionados coa rede e a
tecnoloxía. Enrique Dans salienta ademais como blogueiro, co seu
caderno en liña persoal, un dos máis populares en lingua española
en todo o mundo, rexistrando máis de 230.000 seareiros habituais.
Esta conferencia, como dixemos, puxo o punto final
ao Innova-TE2: Deputación Dixital, o programa tecnolóxico
da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea, a través do
cal o organismo provincial lugués puxo en marcha diferentes
iniciativas de impulso e consolidación das TICs entre diferentes
sectores da sociedade lucense, “entre as que destacaron polo seu
rotundo éxito”, sinala a institución, “aquelas destinadas aos
maiores de 55 ou ao tecido empresarial da provincia”.