O proxecto Innova Narón, recoñecido por AMTEGA

mércores, 20 de decembro do 2017 Redacción

A sede das instalacións da Asociación Nosa Señora de Chamorro (Narón) acolleu esta semana a entrega de diplomas e recoñecementos do Premio Son Dixital, concedido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ao proxecto Innova Narón. Na cita, na que participaron representantes deste organismo da Xunta e do Concello (incluída a edil de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida), puxéronse de manifesto as múltiples vantaxes e beneficios de Innova Narón, posto en marcha dende a Concellería de Novas Tecnoloxías (a través da Aula CeMIT) co obxectivo de pór en valor os produtos do campo e artesanais elaborados en varios obradoiros, a través dun blog e redes sociais e outras canles de venda. O programa abrangueu 130 horas de formación. O Concello, amais desta vertente divulgativa, asumiu o soporte e máis o aloxamento para a plataforma durante a duración do proxecto.
Os representantes de AMTEGA que participaron no acto salientaron o importante labor despregado polos organizadores e polos participantes, que tamén interviron mostrando os proxectos que teñen previsto desenvolver nos vindeiros meses nos diferentes obradoiros con que conta a devandita asociación local.
Natalia Hermida, pola súa banda, valorou o labor que realizan o dito colectivo e os seus integrantes, así como o dos monitores que traballan con eles e do resto do persoal da citada entidade, “pola súa responsabilidade neste proxecto”. A concelleira animou aos rapaces e rapazas a continuar apostando por iniciativas como a premiada polo AMTEGA e comprometeu o respaldo do Goberno local “a cantos proxectos se nos presenten nesta liña, contribuíndo como o viñemos facendo ata agora con esta asociación para que poida desenvolver o seu traballo e impulsar novos proxectos no futuro”.

PUBLICIDADE