O quinto Carballo Interplay porá o foco en xuntar directoras de webseries con plataformas compradoras

martes, 6 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O quinto Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará do 4 ao 7 de abril de 2018, vén con novidades. Trátase da a inclusión estrea dunha xornada profesional específica, que busca incrementar as pontes entre webseries e plataformas e que responde a un dos obxectivos principais do certame: evolucionar e abrir diálogos permanentes cos novos xeitos e linguaxes de entender a cultura audiovisual na Rede. Máis en detalle, consistirá na organización de actividades e de espazos particularmente concibidos para conectar aos artistas coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación interesados en “fichar” contidos dixitais de creación propia. Lembrar, a maiores, que esta edición do Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. Xa podemos participar até o 18 de febreiro a través de carballointerplay.com.
Xa confirmaron a súa presenza neste recanto profesional (o Día PRO do Interplay, o 5 de abril) marcas tan significativas como Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), Playz (RTVE Digital), CRTVG ou Playground, entre outras. Tamén virán a Carballo representantes das principais asociacións do sector en Galicia (como o Cluster do Audiovisual, AGAG ou CREA) e directores e directoras e programadores e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais, co “obxectivo de definir unha terminoloxía común para este tipo de producións”, explica a organización do certame, engadindo que tamén se habilitará un espazo de encontro que fomente o contacto, a través de citas profesionais, entre os creadores e creadoras de series dixitais e as plataformas e produtoras asistentes.
Derradeiros días para presentar propostas á sección oficial
As organizadoras do evento lembran tamén que, quen desexe presentar as súas webseries ou proxectos de webserie á sección oficial e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o festival, teñen que inscribirse antes do 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com. As creacións participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.
Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais deste ámbito e do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría.
A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego.

PUBLICIDADE