O vídeo a través da Internet protagonizou o segundo día da Hobby Con
venres, 5 de xullo do 2013
A feira multidisciplinar Hobby
Con que combina un salón do manga, unha zona de videoxogos, unha convención
de ciencia ficción e un salón de banda deseñada no PALEXCO da Coruña celebrou a
súa segunda xornada dando especial relevancia ao uso da tecnoloxía como canle e
comunicación a distancia, o que puido aplicarse tanto para o divertimento como
para permitir a presenza dun convidado ao evento dende o outro lado do
Atlántico.
- Wismichu organizou un dos seus célebres Chatroulettes dende un auditorio do PALEXCO
Unha das actividades de maior relevancia correu da man do popular youtuber coruñés Wismichu, quen actualmente conta con máis de
300.000 subscritores en YouTube, e que congregou a máis dun cento dos seus
seguidores nun auditorio para participar nun Chatroulette, ferramenta que
facilita a realización de videoconferencias con outras persoas ao azar, o que aproveitouse
para pasar un bo momento facendo uso do humor e o desenfado por parte tanto de
Wismichu como de varios dos seus colaboradores.
- Fernando Prieto explicou a súa experiencia en Kickstarter
Tras a divertida actividade multitudinaria, os responsables do estudio de videoxogos Gato
Salvaje impartiron un relatorio para explicar o que supón emprender no seu
sector, especialmente dende o punto de vista do financiamento.
Fernando Prieto, fundador de Gato Salvaje, explicou o complicado que resulta
conseguir o financiamento inicial, e expuxo a oportunidade que supoñen
plataformas como Kickstarter para poder avanzar para completar con éxito os
proxectos de creación de videoxogos, detallando que no seu caso tivo que ser
nun segundo intento, no que aprenderan dos erros e souberon modificar o xeito
de amosarse ao mundo para captar a atención do público norteamericano, que é o
que máis achega aos proxectos de micromecenado.
- Prieto dirixiuse a un auditorio no que non faltaban profesionais do sector (provintes do evento Mundos Dixitais, que tiña lugar nas proximidades do PALEXCO)
Prieto destacou que desenvolver
campañas a través de Kickstarter resulta moi positivo porque dá moita
publicidade aos proxectos, o que abre moitas portas para moitos outros pasos
que ten que dar un proxecto para completarse con éxito, e contribúe dun xeito
importante a crear unha comunidade ao redor dos xogos, formada tanto por
usuarios finais como doutros promotores de proxectos semellantes, entre os que
é habitual que xurdan sinerxías. Entre os seus comentarios destacou a
importancia de buscar apoio financeiro exterior porque na nosa terra falla a
cultura de apoiar os proxectos locais, algo que non acontece noutras
comunidades nas que é doado que emerxan moitos mecenas de proximidade como
apoio ao desenvolvemento local.
- Sergio Prieto debullou detalles sobre a necesidade de dinamizar as campañas de Kickstarter tras o seu lanzamento
Tomou o relevo de Fernando Prieto o seu irmán Sergio, quen destacou a
importancia de dinamizar as campañas de micromecenado durante o seu
desenvolvemento, alimentando a comunidade de usuarios e ofrecendo distinto tipo
de recompensas ás persoas que os apoien, o que pode ir dende contidos
descargables dentro do futuro xogo ata guións do xogo asinados polo seu autor.
Precisamente o guionista de AR-K,
xogo que está a desenvolver Gato Salvaje, estivo presente na Hobby Con a través
dunha videoconferencia a través de Skype, facilitando que afeccionados á súa
obra e ao mundo do videoxogo puideran realizarlle consultas directamente.
- O guionista de comics Greg Rucka participou na Hobby Con de xeito remoto grazas a Skype
Greg Rucka comentou a complexidade de elaborar o guión dun videoxogo (pola falta de linealidade que teñen as obras interactivas), a complicidade que tivo coa xente de Gato Salvaje á hora de escribir os episodios III e IV de AR-K e algunha anécdota que animou a súa intervención dun xeito moi semellante a se visitase A Coruña en persoa, servindo de claro exemplo das posibilidades que ofrécenos unha tecnoloxía que hoxe en día xa é de uso cotián (especialmente en actividades formativas, nas que o vídeo facilita o desenvolvemento de cursos en varias localidades á vez), e que posiblemente veremos máis no futuro.
- Máis dun cento de seareiros de Wismichu asistiron á súa actividade na Hobby Con
- Gato Salvaje tamén participaba da Hobby Con mediante un expositor situado na súa entrada na que podía verse o traballo de desenvolvemento dun videoxogo con gráficos 3D