O voto electrónico da USC aforrou 5,6 toneladas métricas de CO2 en emisións

venres, 20 de marzo do 2026 S. P.

A comunidade universitaria da USC exerceu o seu dereito ao voto de forma electrónica nos comicios que se desenvolveron os pasados 12 de febreiro (primeira volta) e 11 de marzo (segunda volta). Unha vez finalizados os procesos de votación, estímase que este mecanismo electoral deixou unha importante pegada en termos de sustentabilidade, segundo confirmaron fontes da Universidade.
Máis polo miúdo, calcúlase que a votación virtual permitiu aforrar 5,6 toneladas métricas de dióxido de carbono (CO2) en emisións directas e indirectas de gases de efecto invernadoiro. A cifra correspóndese co que emite un coche ao percorrer uns 51.000 quilómetros.
Ademais, en termos económicos, o aforro entre a realización da votación electrónica e a votación en urna, considerando os custes fixos e operativos para cadansúa tipoloxía, estimase nuns 25.000 euros.
Para facer o cálculo económico da votación en urna fíxose unha proxección dos custes da última elección en papel, facendo a correspondente actualización de prezos. Asemade, cómpre recordar que o números de mesas situábase nas 180.
Dende a USC, salientan que “a repercusión social foi clara e contundente”. O nivel de participación acadou valores moi destacados, “sendo no caso do estudantado case tres veces superior aos datos obtidos para o sistema da urna en papel”.
A Universidade compostelán tamén salientou a facilidade da votación (dende calquera dispositivo electrónico en apenas nuns minutos) e a factibilidade (dende calquera lugar no que existise cobertura).