O xefe do Grupo de Delitos Telemáticos visita as xornadas do CPETIG sobre informática xudicial

xoves, 12 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Juan Salom, o vicevaledor do Pobo, José Julio Fernández, e o presidente do CPETIG, Marcos Mata, durante a apertura da xornada

Santiago está a acoller unha xuntanza profesional arredor de dúas cuestións que nos collen ben de preto e que, concorrencia cada vez maior dos cidadáns en Internet, xa case ninguén se estraña de ver xuntas: as novas tecnoloxías dixitais e as investigacións policiais asociadas a esas tecnoloxías, ben porque se apoian naquelas, ben porque son o obxecto mesmo desas pescudas. O Seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPTIG), e, na súa primeira xornada (a deste mércores 11), contou coa presenza (entre outros profesionais do medio) do xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, Juan Salom Clotet, quen falou da importancia da proba electrónica e máis dos procesos da investigación informática á hora de pór en marcha e desenvolver un proceso xudicial.
O relatorio de Juan Salom estivo precedido pola presentación das sesións do día, levada a cabo polo vicevaledor do Pobo, José Julio Fernández.
A primeira entrega do seminario contou tamén coa participación do director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín, quen o deu por inaugurado. O encontro profesional prosegue este xoves entre ás 17.00 e as 21 horas na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Segundo informa o CPETIG, a finalidade do evento é “informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial”. En definitiva, do que se trata é de abrir novos vieiros de colaboración entre os expertos en novas tecnoloxías da información e todas aquelas persoas que desenvolvan o seu labor no eido da Xustiza.

Programa deste xoves

A primeira intervención deste xoves 12 correrá a cargo do Xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo Seguín, que abordará o tema do Protocolo Forense en Probas Electrónicas. (17:00 horas)
A segunda das conferencias, que se desenvolverá contra as 19:00 horas, a realizará o responsable de Comisión de Visados, Auditorías e Periciais do Colegio de Ingenieros Técnicos en Informática del Principado de Asturias (CITITA), Modesto Álvarez, e nela afondará no tema da Práctica Pericial Informática.