O xogo de loita de Invencible sairá en abril

luns, 15 de decembro do 2025 Redacción

O universo de Invencible dá un novo salto ao mundo dos videoxogos coa chegada de Invincible VS, título que adapta a célebre obra de Robert Kirkman e Cory Walker ao xénero da loita. O xogo, anunciado hai medio ano, desvelou durante The Game Awards 2025 a súa data de lanzamento, o 30 de abril de 2026, cando chegará a PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC.
A presentación veu acompañada dunha novidade destacada: a incorporación de Ella Mental, personaxe orixinal creada polos propios autores de Invencible. A súa historia arrinca como herdeira dunha fortuna familiar, ata que descobre un antigo tótem que lle concede poderes para dominar os elementos da terra, o vento, o lume e a auga. A artista Tierra Whack será a encargada de pór voz a esta nova loitadora, nun papel que ela mesma cualificou de divino pola semellanza coa súa propia personalidade.
Ella Mental formará parte dun elenco de dezaoito combatentes dispoñibles no lanzamento, entre os que se atopan figuras recoñecidas da saga como Atom Eve, Rex Splode, Omni-Man ou Battle Beast. A proposta busca combinar a intensidade narrativa da serie coa competitividade propia dos xogos de loita, ofrecendo aos seguidores unha nova maneira de experimentar o universo Invencible.
Con este anuncio, Invincible VS sitúase como unha das apostas máis ambiciosas para o vindeiro ano, ao abrir unha nova fronteira entre cómic, animación e videoxogo.

Tráiler do xogo no que anuncian a súa data de lanzamento