O xogo na nube de Xbox chegará a consolas

martes, 24 de agosto do 2021 Marcus Fernández

No marco da Gamescom 2021 dende Xbox desvelaron unha interesante novidade que chegará ás consolas Xbox One e Xbox Series X|S de cara ao Nadal: a posibilidade de gozar do xogo na nube. Ou sexa, que os usuarios do Xbox Game Pass Ultimate, que até o momento podían xogar en streaming dende dispositivos móbiles e ordenadores persoais, tamén poderán facelo dende as súas consolas, o que permitirá que usuarios de Xbox One poidan gozar xogos da seguinte xeración pese a ter unha consola de menor potencia, pero tamén resultará moi beneficioso para posuidores dunha consola de nova xeración, que poderán así probar rapidamente un título sen ter que descargalo e instalalo, podendo decidir así se queren tomarse a molestia de instalalo na consola para gozar do mesmo no seu máximo esplendor.
Esta ampliación do servizo de xogo na nube de Xbox tamén será moi interesante para os títulos multixogador, xa que un usuario que reciba unha invitación para botar unha partida cos seus amigos poderá facelo ao instante sen ter que descargar e instalar o xogo en cuestión.
O servizo estará dispoñible inicialmente para os usuarios inscritos no programa Xbox Insider, e ofrecerá gráficos até 1080p a 60 imaxes por segundo.

Vídeo no que se anuncia o Cloud Gaming de Xbox para consolas

PUBLICIDADE