Os participantes na cita de Lugo, na sede da Fundación CELArredor de oitenta emprendedores participaron esta semana, en Lugo e Vigo, na celebración dos Startup Day da aceleradora de proxectos innovadores ViaGalicia, unha iniciativa impulsada polo Consorcio da Zona Franca e a Axencia Galega de Innovación e que conta con dúas sedes de seu, unha en Vigo e outra na cidade da Muralla (na sede da Fundación CEL), dende onde se ofrecen variados recursos tecnolóxicos, loxísticos e humanos para o aceleramento de todo tipo de proxectos novos. Na cita de Lugo, na que participaron Teresa Pedrosa (delegada do Consorcio) e Patricia Argerey (directora de GAIN), déronse a coñecer hoxe os trinta proxectos seleccionados para a sede local, que puideron demostrar as súas habilidades e competencias ante o equipo avaliador (con vistas a obteren un pase para a fase de Academia). Trátase da quinta convocatoria de ViaGalicia, para a que se presentaron 200 proxectos. O pasado martes celebrouse esta mesma sesión cos proxectos seleccionados para a sede de Vigo. A selección das iniciativas empresariais que pasarán á fase de Academia (ata un máximo de 40 proxectos, 20 iniciativas por cada sede, Lugo e Vigo) daranse a coñecer a semana vindeira. Neste seguinte chanzo formativo de ViaGalicia, os emprendedores coñecerán as ferramentas necesarias para definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor. Cun orzamento de 2,65 millóns de euros para a súa quinta convocatoria, ViaGalicia apoia con este programa de aceleración a proxectos de negocio a través de formación, asesoramento, traballo en colaboración (co-working) e financiamento. Poderán obter ata 125.000 euros en axudas directas e de capital risco.