OneXPlayer presenta unha consola portátil con Android e pantalla encartable

martes, 30 de decembro do 2025 Redacción

OneXPlayer deu a coñecer a OneXSugar Wallet, un novo trebello que podería considerarse a primeira consola portátil con sistema Android equipada cunha pantalla encartable. A presentación chegou acompañada dun vídeo publicado na plataforma chinesa BiliBili, no que se amosa o funcionamento do formato e a súa proposta de uso.
Este produto tería un tamaño relativamente compacto durante o seu transporte, para gozar dunha grande pantalla 4:3 cando está aberto (concretamente tería unha pantalla OLED de 8,01 polgadas con resolución de 2.480 x 1.860 píxeles), o que resultaría atractivo para o uso de emuladores de plataformas clásicas (podendo resultar tamén axeitado para emular consolas como a Nintendo DS e 3DS), aínda que sementando dúbidas sobre a durabilidade da pantalla e o rendemento dos xogos cunha resolución de pantalla tan elevada.
OneXPlayer non revelou polo de agora especificacións completas nin unha data de lanzamento, pero o vídeo inicial confirma que o proxecto está nunha fase avanzada. O que si parece bastante seguro é que falamos dun produto que será bastante caro, pois a consola portátil OneXSugar de dobre pantalla (concepto semellante a este, pero máis sinxelo tecnicamente) tiña un prezo oficial de 799 dólares, polo que non sería de estrañar que a OneXSugar Wallet teña un prezo superior ao milleiro de dólares.

A nova consola pechada é doada de transportar